Opinión

A oportunidade do presente continuo

Afirmar que a maioría social galega é fiel ao uso do galego, lingua propia deste país das mil primaveras resistentes, é dato contrastado, malia prexuízos intereseiros e xogos de palabras confusionistas de prestidixitadores de provincias.

Afirmar que a maioría social galega é fiel ao uso do galego, lingua propia deste país das mil primaveras resistentes, é dato contrastado, malia prexuízos intereseiros e xogos de palabras confusionistas de prestidixitadores de provincias.

"Galegas e galegos que maioritariamente fan parte saudábel do galego no uso diario son analfabetos na súa lingua, de aprendizaxe espontánea, ambiental, trasmisión oral..."

Afirmar que a maioría social galega é analfabeta na súa lingua resulta, superada a sorpresa inicial, dato fácil de concluír á vista da envellecida pirámide demográfica.

Aclaremos este aparente contrasentido.

O dereito á alfabetización en galego remóntase aos anos 80. Alén da teoría lingüística, a práctica de observación é procedemento empírico que anula as dúbidas. Preguntarmos no marco relacional próximo a maiores de 40 anos se tiveron acceso á alfabetización en galego na escola dará resposta afirmativa.
O estado da cuestión permite obxectivar dúas conclusións:

1. Galegas e galegos que maioritariamente fan parte saudábel do galego no uso diario son analfabetos na súa lingua, de aprendizaxe espontánea, ambiental, trasmisión oral, centrada nos rexistros informais e sen dominio das destrezas curriculares.

"O sector minoritario, representado nas franxas etarias máis novas, escolarizado en galego, presenta un uso social moito menor ou incluso nulo"

2. O sector minoritario, representado nas franxas etarias máis novas, escolarizado en galego, presenta un uso social moito menor ou incluso nulo, que confirma a regresión no número de falantes de galego, a diferenza das outras linguas peninsulares, pois a vinculación da normal expresión en galego á idade d@s falantes e mais ao contorno -rural/urbano- é directamente proporcional á súa (in)visibilidade.

Con todo, o proceso de normalización en andamento desde 1983 acabou por recoñecer o noso idioma no Marco europeo común de referencia para as linguas e certificar o  nivel de coñecemento mediante a superación das probas CELGA, mais de forma homoxénea para a cidadanía galega e a estranxeira.

A recente decisión da Xunta de prescindir do profesorado especializado para impartir e avaliar esta formación -docentes desempregados membros dunha listaxe regulada pola propia Administración-, como consecuencia da resolución da inspección de traballo que obriga a Xunta a lle recoñecer dereitos laborais contractuais básicos, devolveu á primeira liña o fondo e a forma dos CELGA.

"A lingua útil para estruturar o pensamento d@s galegofalantes, relacionarse, expresar emocións e sentimentos, amar a vida e despedir os mortos, non ten valía suficiente para superar as probas dos CELGA". 

A experiencia deste modelo implantado en 2007 obriga á necesaria avaliación dun sistema que ten levado á curiosa situación de os tribunais avaliadores non poderen certificar administrativamente a competencia lingüística real en galego dos propios galegofalantes, castigando a falta de dominio dalgunhas destrezas que dificilmente superarían tamén en castelán, lingua de obrigado coñecemento, o que obriga a unha terceira conclusión:

3. A lingua útil para estruturar o pensamento d@s galegofalantes, relacionarse, expresar emocións e sentimentos, amar a vida e despedir os mortos, non ten valía suficiente para superar as probas dos CELGA. A persoa galegofalante percibe, pois, a inutilidade da súa expresión íntima desde un complexo infravalorizador e a súa lingua convértese en estranxeira na súa patria.

O recoñecemento presente que asegure a vitalidade futura da lingua galega das e dos falantes precisa compromiso individual, social e institucional para superar as probas reparadoras da anormalidade lingüística en que vivimos.

Convidémonos a liderar colectivamente o compromiso proactivo que arrecende nos versos de María Reimóndez:

O presente continuo
é o único tempo verbal
do compromiso.

Comentarios