luns 17.02.2020

O traxe das noces

As noces este ano non valen nada. Son ruíns coma elas soas. Xa non lles daba caído o traxe cando as apañamos. A auga non as deixou lograr.

Escoitar as palabras de Jesusa contradicía a vista daquela fartura das nogueiras da casa a secar onda a calor que quenta a volta do día desde a cociña de ferro.

A aparencia do froito renovado convidaba a entrar nas noces como cada inverno. Mais houbo que lle dar a razón á sabedoría dos oitenta e oito anos de Jesusa, quen abrazou a vida sempre en comuñón co medio.

Coma o bisavó José, aquel mago que de nena me marabillaba fitando o monte Xalo ou escoitando os ventos do canal de Barrañán para precisar o intre en que recoller o gando, apañar as patacas ou sementar o millo para que nin auga nin xeada nin a seca derramasen a fartura da terra.

Jesusa levaba razón, diciamos. Foi comezar a quebrar a casca protectora do corpo seco desexado para verificar o frío baleiro do froito merado. A decepción ao atravesar a superficie aparente para descubrir a natureza morta dos cotiledóns que semellan na súa morfoloxía alento pulmonar.

Volvín ao presente, esta realidade que nos consome artificiosa e delata fronte a unha superficialidade estéril que opaca a verdade e onde a propaganda subordina a propiedade da mentira.

Volvín a esa imaxe perenne da última década do goberno da Xunta –cousa diferente é dicirlle galego- preocupado por crear, desde a prepotencia do seu presidente, a ficción dun escenario falso, representado en titulares espellismo faltos de ética informativa, ao tempo que chucha o froito interno do pobo creativo, innovador, cooperativo, solidario e traballador.

Con todo a esperanza habita no camiño da primavera e o pobo galego, coma no cantar que di “non me perdas o cariño e non che perderei a lei”, ha demostrar que lle sobran razóns, como xente de lei, para desautorizar un goberno que lle perdeu o afecto e o coidado.

O traxe das noces
comentarios