Opinión

No día dos abrazos

Cando penso en escribirlles para este novo encontro por palabras decátome de que está a piques de rematar o Día dos Abrazos.

Semella o abrazo un acto doado, próximo e de técnica simple. Adaptado ao nivel dos usuarios e con temporalización de intensidade variábel, mesmo pode converterse nun reto: cantas apertas no día somos quen de incorporar á nosa axenda de vida?

Os estudos –coma se o latexo do corazón e a temperatura da pel non fosen suficientes- aseveran que un abrazo activa a acción de compartir, libera hormonas, frea a soidade, cura o insomnio, serve de terapia antiestrés e deita lonxe o medo.

Hai moitos xeitos de abrazar. Unha mirada. Un aceno. Unha palabra. Un corpo pleno.

E agora que cae o día reconto ese haber que engrandece o capital humano con xestos de convivio que abrigan en corpo e alma as aulas dun centro educativo.

Ali segue a procurar un camiño propio para as marcas da guerra desde o seu persoal refuxio de paz reaprendida. Ulises gaña confianza desde un mundo azul celeste. Marcos aínda non quere lembrar en alto o episodio que todo o marcou. Moisés rube os valados dos estereotipos raciais. Yahui pronuncia a sonoridade galega cuns ollos coma sorrisos.

Osama presenta o mellor traballo sobre o Apalpador. Mara ultrapasa a rixidez dos estándares de aprendizaxe. Nicole e Noelia intercambian a proba das filloas e das arepas. María entrevista para a radio escolar sobre os pros e contras do consumo televisivo.

Nerea reflexiona atenta no curso de formación en mediación sobre esas hipotéticas situacións de conflito que soan próximas. Josito valora na tertulia do club de lectura como a escola pública iguala, non discrimina, atende en equidade e con respecto.

Velaí a escola pública que abrazamos. Diversa, inclusiva, participativa, democrática, sen censura e onde a palabra liberdade despreza a mentira e abraza a verdade.

Comentarios