Opinión

A lectura do goberno

Que intención ten un goberno que, logo de aprobar unha lei de forte impacto social, estrutural e transformador, non a desenvolve?

Que intención ten o PP na Xunta para actuar así desde o goberno en maioría absoluta nos últimos trece anos?

Que intención ten o Secretario Xeral de Cultura en non desenvolver a Lei de Bibliotecas de Galiza, aprobada en 2012, os mesmos dez anos que leva no exercicio do cargo?

A Lei de bibliotecas aprobouse co obxectivo de consolidar as bibliotecas como centros produtores e provedores de información para favorecer procesos de democratización cultural, como espazos de formación e puntos de encontro cultural.

Esta lei pretendía abrir un novo concepto de biblioteca pública, creando un marco adecuado para garantirlle á sociedade servizos públicos de calidade.

Mais, dez anos após da aprobación desta lei, que acontece?

Non hai desenvolvemento regulador da lei e o informe 'As bibliotecas en Galicia do Consello da Cultura Galega', referido a datos de 2018, conclúe que desde 2010 se perderon 46 bibliotecas públicas; que Galiza ocupa o décimo terceiro lugar canto a número de usuarias e o sétimo en número de visitas; que descenden os préstamos; que a asistencia ás bibliotecas ten escaso interese entre a poboación galega e que Galiza perdeu 33 empregos bibliotecarios entre 2010 e 2018.

Máis recentemente, o informe do Ministerio de Cultura segue consolidando Galiza nos postos baixos de valoración en todos os parámetros. Con 8,95 euros por habitante, o investimento do PP na Xunta está por debaixo da media estatal; a ratio de persoal non só é inferior ao doutras comunidades autónomas, senón que descende de 558 prazas bibliotecarias en 2018 a 546 en 2019.

O Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España 2021 constata o aumento de lectorado en Galiza, mais a nosa comunidade sitúase por baixo da media española, no 6º posto pola cola. Asemade, a valoración das bibliotecas é unha das peores de España.

Esta ausencia de avance positivo ten moito a ver coa inexistencia dun plan estratéxico da lectura que converta as bibliotecas no que se anunciaba hai unha década na lei.

E, mentres tanto, o goberno Feixoo non só non traballa para resolver os problemas existentes, senón que parece que quere crear outros novos como diminuír a oferta de lectura en galego na última convocatoria de axudas a concellos para compra de fondos bibliográficos.

Por primeira vez o PP elimina a obriga de comprar o 25% de libros en galego, mentres que se obriga a comprar o 50% do fondo en castelán, permitindo que a compra poida chegar ao 100%, coa total exclusión da lingua galega.

Quen así actúa agora á fronte da Secretaría Xeral de Cultura xa impulsou en 2010 a aprobación do Decreto da vergoña que fixo fracasar o dereito á aprendizaxe e competencia en galego para a infancia e mocidade desde a escola.

A saúde da lingua, como a da literatura e da cultura galega, precisa dun goberno honesto, digno e respectuoso coa identidade galega. Precisa dun goberno que acredite nela.

Comentarios