Opinión

Incertezas

Entre as certezas desconfinadas, mesmo antes de tempo, están as melenas e barbas necesitadas de cortar as puntas, as canas libérrimas ao ar, as aprendizaxes culinarias a levedecer, as analíticas imperfectas, certa atrofia muscular e todo un catálogo persoal e intransferíbel de estrañamentos.

Mais o estrañamento tamén nos leva a incertezas cando prememos a frecuencia de onda longa ou poñemos os lentes progresivos en materia de política e xestión cultural.

Era preciso un goberno español de esquerdas e progresista (ás veces non semellan principios indisociábeis) que verificase na corte a ausencia dun plan de axuda económica e fiscal para a Cultura.

Con todo, a cultura galega sabe que as competencias nesta materia (aínda) están transferidas á Xunta de Galiza e dela deben emanar as propostas que acrediten na protección dun sector que representa o 2% do PIB da economía galega, así como unha importante relación de postos de traballo, moita veces invisíbeis.

Para que un coche chegue útil ás nosas mans son precisas outras invisíbeis, mais tamén o son para que chegue a nós un libro, unha peza de teatro, un disco, un espectáculo de danza, un filme, un videoxogo. No entanto, a industria da automoción é indiscutíbel ante calquera plan protector, mentres que a cultura debe agardar para quen a entende como simple ocio gratuíto.

Hai máis dun mes que a Xunta recibiu un documento, asinado por unha ampla representación cultural, con propostas concretas para afrontar, desde o servizo público, a delicada crise á que a nosa cultura fica exposta como consecuencia do coronavirus.

O silencio é até o de agora a única resposta como testemuña do corolario perfecto dun goberno que, na última década, manifestou unha absoluta indiferenza, falta de empatía e capacidade de escoita e diálogo propositivo para cos axentes culturais galegos.

E xa o di o refraneiro galego: o mal crece con calar.

Comentarios