Opinión

Hora de ler. Non perdamos a perspectiva

Rematar un curso escolar é como concluír un proxecto de vida. A curto prazo, si, mais proxecto. De vida, tamén, porque ao cabo de algo máis de nove meses agardamos o resultado do camiño andado.

Rematar un curso escolar é como concluír un proxecto de vida. A curto prazo, si, mais proxecto. De vida, tamén, porque ao cabo de algo máis de nove meses agardamos o resultado do camiño andado.

Mais a esixente profesión da docencia non permite pechar a porta das aulas sen mirar antes atrás. Informes, avaliacións e memorias deben pór o ramo a un traballo case sempre agochado no claustro escolar e para o que os titulares da prensa, a rexouba das tabernas, as tertulias mediáticas e os discursos das autoridades non adoitan achar nunca tempo xusto e medido.

"Un alto número do noso alumnado gusta de ler ou,  máis importante aínda, está disposto a probar en que consiste iso de ler porque si, sen obrigas didácticas nin deberes na casa nin ameazas de exames de lectura"

Resulta máis doado computar a mocidade galega en cuantificación de novos paquetes teutóns que conseguimos deitar lonxe que reseñar a súa hipercualificación, capital humano e profesional desbaldido ao tempo que empobrecedor do presente e decapitador do futuro económico de todo un país.

Exercicio de anacronía reaccionaria é teimar no postulado de que a mocidade non le. A mocidade non é única e as formas de ler tampouco o son. Nin sequera os tempos nin moito menos os espazos de lectura o son.

A miña experiencia como coordinadora dun club de lectura escolar, máis un curso, reafírmame na convición de que un alto número do noso alumnado gusta de ler ou,  máis importante aínda, está disposto a probar en que consiste iso de ler porque si, sen obrigas didácticas nin deberes na casa nin ameazas de exames de lectura. Ler en común e dedicar tempo non lectivo, extraescolar polo tanto e roubado a outras tarefas e responsabilidades, para descubrir novas experiencias de vida que nin a televisión nin a radio nin a videoconsola nin a internet nin o ximnasio nin o pub nin a Superpop nin o partido de fútbol na praza da vila ofrecen. Porque ningún espazo de formación, entretemento, comunicación, diversión e/ou socialización é incompatíbel coa literatura de creación impresa ou dixital.

Unha parte moi importante da nosa mocidade, digo, déixase seducir polo encanto, a sorpresa ou a curiosidade dunha lapela ou dunha contracapa –e tamén, por que non o dicir!, pola imaxe que transmite a fotografía da autora ou o autor. Non ía deixar de se aplicar no papel ou una pantalla do lector dixital aquilo de que unha imaxe vale máis do que mil palabras…

Infelizmente, non recibirán elas e eles, individuos en formación, estimulantes ondas sonoras promotoras da lectura nos seus habituais espazos de encontro coa información –ramificada en múltiples cuñas publicitarias- onde todo adoita reducirse ao culto ao corpo  e, a poder ser, un único modelo corporal clonado en vestiarios hipercomúns de non sempre lexítima procedencia.

E así, mentres parece que nada mudou a respecto do avance da lectura na infancia e mocidade, porque os sentenciadores desta lei non escrita si son os que neste sentido nada ou apenas mudaron, o corpo lector máis novo medra acrecentando tamén a formación do seu espírito lector e, polo tanto, analista, cuestionador e crítico.

Acato o seu pensamento buligueiro, lector, lectora! Até aquí todo responde en alto grao á miña subxectividade.

Mais, lonxe de ser esta unha alucinación persoal, a recente celebración da VII Xornada dos Clubs de Lectura actuou, máis un ano, como termómetro medidor da caloriña coa que abriga a lectura nos centros escolares, quer nas diferentes experiencias presentadas quer nas conversas de corredor dos descansos con compañeiras e compañeiros mediadores de lectura.

"A consulta realizada sobre que foi aquilo do que gozaron máis, con gran distancia a resposta maioritaria foi a de compartir lecturas, seguida da participación en actividades paralelas á propia lectura"

E aínda máis! Cumpría unha outra avaliación desas case corenta persoas que, no meu caso, foron  conformando as diferentes sección do club de lectura, entre profesorado e alumnado.

Os inquéritos, de resposta anónima, ofreceron datos significativos para a análise do presente e o enfoque do futuro inmediato que se reiniciará, por aclamación popular!, o vindeiro mes de setembro.

Apenas vou sintetizar aquí o resultado de dúas das quince preguntas formuladas. 

A pregunta referida á valoración d@s participantes en relación a aquilo en que percibiran unha importante melloría persoal, a resposta maioritaria resultou ser a comprensión lectora, seguida da capacidade para compartir opinión, gozar da lectura, expresarse oralmente en público e coñecer un maior número de autores/as e obras literarias.

A consulta realizada sobre que foi aquilo do que gozaron máis, con gran distancia a resposta maioritaria foi a de compartir lecturas, seguida da participación en actividades paralelas á propia lectura (viaxes literarias, encontros con autoras/es, visita a grandes bibliotecas, lecturas interetapas na biblioteca, intercambio con lectorado doutros centros…). Ler por pracer e formar parte do grupo, ademais de reforzar as relación interpersoais, foron as seguintes respostas máis puntuadas.

Fagan comigo unha regresión a esa xornada formativa que máis arriba mencionei. A intervención dunha profesora mediadora do IES de Melide deu unha clave que, non por coñecida e ben contrastada, agás para quen quere vivir con ouvidos xordos, ollos vendados e tacto nulo, nunca deixa de nos preocupar: o 85% d@s participantes no club rexeitan a lectura en galego. A falta de competencia nesta lingua resta seguridade e condiciona a escolla das lecturas segundo a lingua de escrita. Preguntábase en voz alta a profesora se non estará pasando algo en relación á dobre competencia lingüística do noso alumnado –xa non digamos ao seu suposto trilingüismo e plurilingüismo. Preguntábase, asemade, se non estará a fallar algo na política lingüística deste goberno. Porque, non esquezamos, estamos a falar dun contexto sociolingüístico aínda moi maioritariamente galegofalante. Se cadra, conclúo eu agora, esta política lingüística si está a funcionar.

"O primeiro libro escrito en galego que o alumnado ten escollido, ao longo de todo o curso, motu propio, está no posto 49 e cun nivel de consulta do 2%!!!"

E non só pola preferencia do alumnado que favorece a escolla daquilo que lle resulta máis doado, porque están claramente favorecidas as vías de acceso intercomunicacional en castelán, senón por opinións dunha parte do profesorado mediador, que tamén é transmisor de valores e prexuízos na aula e no propio club de lectura,  ao referir que o importante é que o alumnado ame a lectura e non en que lingua lea ou asociar esta información-reflexión lingüística coa vontade de politizar o encontro.

O club de lectura no que participo naceu hai cinco anos con varios obxectivos, como corresponde a todo proxecto de traballo didáctico que se precie. Un deles era precisamente achegar o coñecemento de autoras e autores galegos contemporáneos para así reforzar a lectura en galego, nomedamente daquelas novidades máis recentes. Un obxectivo que sempre se atendeu desde a máis absoluta das normalidades e coherentemente cun contorno galegofalante pleno que, en absoluto, asegura coñecemento e valoración da/na lingua propia.

Mais era preciso pulsar agora, no remate do curso, a opinión tamén neste sentido, polo que se incorporaron dúas novas preguntas ao cuestionario de avaliación do funcionamento do club de lectura: En que lingua che custa máis ler? e En que lingua che gusta máis ler?  

Nos dous casos, aínda que en porcentaxe algo menor á ofrecida pola compañeira de Melide, o galego sae prexudicado. A confirmación deste dato, ao noso ver claramente negativo desde a perspectiva formadora e actitudinal, chega da man do equipo da biblioteca ao nos confirmar que o primeiro libro escrito en galego que o alumnado ten escollido, ao longo de todo o curso, motu propio, está no posto 49 e cun nivel de consulta do 2%!!!

Da mesma maneira que non se comprendería que no comedor escolar do centro o menú se elaborase a partir de produtos únicos e repetidos polo mero feito de os demandar o alumnado, entendemos que o alimento das palabras tamén debe responder a unha dieta sa, diversa e equilibrada. Eis a razón pola que consideramos que debe continuar a ser o club de lectura quen amose aquela realidade lingüística da escrita que fóra xa se encargan de distorsionar ou invisibilizar.

Porque nada acontece porque si, por casual e infortunado azar; porque nada é inmutábel, fago miñas e partillo convosco, paciente lectorado, as palabras de Virginia Woolf nas que me inclúo para lembrar que moitas cousas dependen de vós e da influencia que podedes exercer sobre o porvir.

Comentarios