Opinión

Galiza mesma

Escribo hoxe setenta e cinco anos após a publicación dos tres feixes de discursos (...) escritos no desterro, para escorrentar a morriña, cuxo limiar amosa un adro nado noutro desterro previo en Badaxoz cando Lerroux tivo a ben ordenar que me preparase para maiores ausencias. Retomo para a memoria persoal o volume deste celebrado Sempre en Galiza que me acompaña, na biblioteca do meu cuarto de traballo, desde un tempo que a tinta deixou tatuada nas primeiras páxinas: MQZ Setembro 1991.

Vólveme o acordo das aulas universitarias a piques de rematar aquela licenciatura dunha carreira que aínda se chamaba Filoloxía Hispánica (Subsección Galego-Portugués). Abro de novo o volume desta segunda edición mercada na libraría Couceiro, que tamén está a celebrar o seu cincuenta aniversario entre liñas de amizade, e verifico que segue a arrecender a amarelento papel gasto mentres o lapis dá conta daquela iniciática descuberta subliñada vinte e oito anos atrás.

Para alén de palabras e ideas soltas encadradas en círculos destacados, maioritariamente inventario un profuso rexistro de citas expositivas e argumentativas ao redor do galego, do seu rexistro histórico até a realidade próxima ao tempo da escrita e a vocación de superación no camiño do futuro asentado na recuperación do seu valor de íntegra normalidade. “Un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar”. “Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inagotable de obras de arte”. “Un pobo sometido á loita de dous idiomas acaba por non saber expresar o que sinte”.

Van sucedéndose as reflexións sobre a nosa lingua propia ao longo dos varios centos de páxinas como un río soterrado que baña o substrato do pensamento de afirmación nacional.

Ao tempo, resulta inevitábel analizar a nosa realidade lingüística, esa que algúns políticos inmorais empregan para atacar a cohesión social, como ferramenta de combate en tempo electoral, desprezando a natural e saudábel diversidade lingüística e cultural que caracteriza o Estado español e recoñece o seu tratado constitucional. Contraditoria defensa esta da tan santificada Constitución española!

Con toda a naturalidade, as voces da triple alianza retrógrada española teiman en defenderen e avalaren a ignorancia do coñecemento das linguas do Estado diferentes do castelán (será á súa imaxe e semellanza?), mais tamén oficiais e recoñecidas en cadanseu Estatuto de Autonomía. Con toda a autoridade, o Tribunal Supremo acaba de declarar ilegal algúns dos contidos da Ordenanza de normalización lingüística aprobada no Concello de Lugo en 2012 por unanimidade, e que afectan, por exemplo, á rotulación en galego das sinalizacións públicas, ao dereito a empregar a lingua propia con absoluta normalidade ou á formación do funcionariado para que poida desenvolver as súas tarefas en galego.

Con total submisión, adobiada de respecto á autoridade xudicial (que fina liña separa os verbos de acción contraria: acatar ou atacar!), a Xunta de Galiza, a través do responsábel da Secretaría xeral de Política Lingüística, faise a un lado e delega as responsabilidades da continuidade da defensa da ordenanza na Administración local. Ou o que é o mesmo, en non se pronunciando, xa se pronunciou.

Con absoluta hipocrisía, este mesmo goberno leva anunciando en sucesivos titulares a preparación dun plan de normalización lingüística para a mocidade desde o ano 2016, tal e como testemuña a memoria de hemeroteca.

¿Quen pode, pois, salvar a Galiza? Galiza mesma. Escribe Castelao. E nesa escola continuamos a prender e sementar.

Porque, por unha banda, a recentemente clausurada exposición “Castelao, maxistral” foi a máis visitada das celebradas na Cidade (do espolio) da Cultura.

Mentres que, pola outra, o Consello da Cultura Galega anuncia que a exposición “Alba de Gloria” é prorrogada, por segunda vez, por causa tamén da elevada demanda.

Galiza mesma é quen de nos salvar de tantos patufos desleigados, pequenos mequetrefes sin raíces. Son chegados os tempos de a sociedade galega abrirmos os ollos, querérmonos e votarmos a quen coñece, defende e cultiva a nosa diferenciación.

Comentarios