Opinión

Estou vivindo no ceo

Teño unha casiña branca / na mariña entre loureiros, / teño amores, teño barcas / e estou vivindo no ceo.

O cantar popular acompáñanos esta segunda semana de confinamento para írmonos afacendo á nosa propia estrañeza. A casa é o noso ceo íntimo e desde ela aprendemos a convivir cun tempo incerto que xa non mede ningún reloxo.

A casa protectora para quen a ten, como a familia, o traballo, o teléfono que trae voces amigas, a conexión á rede informativa, as falas das redes sociais. A casa que acubilla ou desprotexe, que nos confina dobremente, sobre o espazo exterior e sobre nós mesmas.

Mais este tempo é de pano fino e a morna suavidade superficial amosou as costuras dun sistema que clasifica a humanidade, máis que nunca, que estratifica a ringleira das persoas vulnerábeis e que devora o máis feble.

No entanto, a historia fala de nós como un pobo resistente e creativo en man común, capaz de pulsar as nosas capacidades para resolvermos colectivamente as necesidades. Porque sabemos que agora é hora de procurarmos as solucións ao noso alcance para calmar o inmediato. Logo chegará o momento de facer balance e pedir responsabilidades.

Arestora, a casa está a ser o noso ceo para o profesorado galego. Nas nosas casas naceu Aulas Galegas, un proxecto educativo que viu a luz, por necesidade, hai unha semana. Cada día achamos nel referencias pedagóxicas multidisciplinares para cada curso, un acompañamento para profesorado, alumnado e familias, elaborado por máis de 300 docentes galegos a construíren pontes desde cada casa. Asemade, unha completa rede educativa compiladora que vén cubrir, por sorprendente que pareza, un inexplicábel ermo por parte da Consellería de Educación.

Entre todos e todas sairemos xuntas deste tempo incerto e desacougante e sairemos moito máis reforzadas, moito máis sabias e coñecedoras das debilidades e fortalezas que temos como pobo galego.

Comentarios