Opinión

Emprender cara a ningures

O Goberno español vainos presentando a concreción da LOMCE a través do proxecto do Real decreto que estabelece os currículos...


O Goberno español vainos presentando a concreción da LOMCE a través do proxecto do Real decreto que estabelece os currículos básicos da educación primaria, secundaria, bacharelato e mais a formación profesional básica.

É comprensíbel que neste preciso momento abandonen vostedes a lectura deste artigo, xa que nin o fondo nin a forma da linguaxe administrativa, coa que parezo ameazar, resulta grata para o que se pretende nuns minutos roubados para a lectura como estes que xenerosamente nos brinda o lectorado.

"Un resumo breve que, como anunciaba a regra dos dez mandamentos, encóllense en dous: afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial".

É por iso que podemos aforrarlles toda a fargallada destes documentos ofrecendo un resumo breve que, como anunciaba a regra dos dez mandamentos, encóllense en dous: afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial.

Velaí os conceptos reiterados até o infinito que na próxima lectura prometo contar!

Mais para conseguir estes obxectivos, cómpre iniciar o estudantado canto antes nas ténicas do mercado, porque o emprendemento será unha competencia transversal que deberemos traballar desde todas as materias en primaria e en educación secundaria obrigatoria, xa que estes currículos incoporarán objetivos, competencias, contenidos y criterios de evaluación de la formación orientados al desarrollo y afianzamiento del espíritu emprendedor, a la adquisición de competencias para la creación y desarrollo de los diversos modelos de empresas y al fomento de la igualdad de oportunidades y del respeto al emprendedor y al empresario, así como a la ética empresarial.

E a partir de aí os interrogantes comezan a invadir o noso borrador de traballo coas inconcrecións e/ou incoherencias internas ao propio documento, así como coa constatación de preocupantes retrocesos a respecto da LOE.

"Como entender a consolidación en ESO da opción do afastamento definitivo de materias como Música, Educación Plástica e Visual, Tecnoloxía, segunda Lingua estranxeira, Artes Escénicas e Danza, Cultura Clásica ou Filosofía?"

  • Como entender que o alumnado de educación primaria (6-12 anos) poida escoller -ou as súas familias- non cursar nunca na súa formación inicial a materia de Educación Artística, que engloba Música e Plástica?
  • Como entender que nesa mesma etapa o alumnado poida escoller unha segunda Lingua Estranxeira, desbotando Educación Artística ou Valores Sociais e Cívicos, cando xa conta con tres linguas obrigatorias no currículo: galego, castelán e inglés?
  • Como entender a consolidación en ESO da opción do afastamento definitivo de materias como Música, Educación Plástica e Visual, Tecnoloxía, segunda Lingua estranxeira, Artes Escénicas e Danza, Cultura Clásica ou Filosofía?
  • Como entender que o alumnado con necesidades educativas dirixido a un Programa de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento en 2º e 3º da ESO, unha vez superado grazas á adaptación do currículo, á atención individualizada, ao emprego dunha metodoloxía específica, redución de materias a favor dos ámbitos de coñecemento e proxectos interdisciplinares, debe incorporarse a un 4º ordinario desde o vertixinoso trampolín sen rede nin auga na piscina?
  • Como entender que aquel alumnado que, con quince anos, é derivado a unha Formación Profesional Básica, conforme o criterio da atención á diversidade, non consiga unha titulación mínima homologada e equivalente ao graduado en ESO?
  • Como entender que aquel alumnado que supere positivamente os catro cursos de ESO e non aprobe a reválida externa do Ministerio non conseguirá o Título de Graduad@ en ESO (requisito imprescindíbel hoxe para continuar estudos posobrigatorios ou incorporarse ao mercado laboral), senón que terá que se conformar cun simple certificado de estudos?
  • Como entender que todo isto non é senón unha máscara distorsionadora da realidade do fracaso escolar?

"O alumnado galego deberá estudar, para superar eses alleos supraestándares de aprendizaxe, o valor literario decimonónico dos machadianos Campos de Castilla, mais poderá ignorar o significativo poema rosaliano 'Castellanos de Castilla'".

Se callar a explicación reside na cerna conceptual e ideolóxica que esta literatura legal concreta: as competencias básicas que se cualificarán nas avaliacións individualizadas de 3º e 6º de Educación Primaria e mais 4º de Educación Secundaria Obrigatoria serán tres: competencia lingüística, matemática e ciencia e teconoloxía.

Mais con toda probabilidade o problema da educación no Estado español que o PP percibe no seu carácter plurinacional, plurilingüe e multicultural ficará resolto de vez ao se asegurar as competencias plenas á hora de determinar contidos comúns e horario mínimo -fixará o 55%-, determinar os estándares de aprendizaxe avaliábeis e os criterios de avaliación das probas externas.

Deste xeito asegurará a uniformidade comprensiva para toda a mocidade que habita no Estado español. Só así o alumnado galego deberá estudar, para superar eses alleos supraestándares de aprendizaxe, o valor literario decimonónico dos machadianos Campos de Castilla, mais poderá ignorar o significativo poema rosaliano 'Castellanos de Castilla'.

Asemade, descubrirá a grandeza poética de Federico García Lorca, mais inocularemos nel o virus do descoñecemento inducido que lle impida recoñecer os seus Seis poemas galegos, algúns deles, como o poema 'Chove en Santiago' popularizados nos fermosísimos sons de Luar na Lubre.

Comentarios