Opinión

De Elena Poniatowska para todas nós

Revisándomos a prensa diaria que converte en novas de actualidade, e polo tanto con  dereito a merecido interese informativo, aquilo que se recolle en titulares, infelizmente ningunha asomaba na escena pública con perfil esperanzador, ilusionante nin por acaso restaurador da inxustiza social xa perdida ou en trance de ser arrombada na ardora do mar da memoria.

Revisándomos a prensa diaria que converte en novas de actualidade, e polo tanto con  dereito a merecido interese informativo, aquilo que se recolle en titulares, infelizmente ningunha asomaba na escena pública con perfil esperanzador, ilusionante nin por acaso restaurador da inxustiza social xa perdida ou en trance de ser arrombada na ardora do mar da memoria.

"A alegría era moito máis íntima e emotiva, pois a galardoada era sentida por nós na pel, como unha muller próxima, unha amiga das letras e unha compañeira de conversa". 

Unhas páxinas expóñennos á luz das violentas cargas policiais en Vigo contra o estudantado nos protestos en contra da aprobación da LOMCE, censuradas na grella informativa da televisión pública galega; de novas mulleres asasinadas a mans dos que noutrora decidiron ser os seus compañeiros de vida; da negativa de Facenda a recuar no novo espolio executado aos emigrantes galegos retornados, bautizados con carimbo oficial como defraudadores ou da reconfirmación da imputación para o actual alcalde da capital compostelá, que vén sumarse á da inmensa maioría da corporación electa pola cidadanía para gobernar.

Outras páxinas informativas debrúzannos fronte ao declive social galego, en modo a velas vir, que prognostica a consolidación do progresivo desangre demográfico, documentado polo INE, conforme o rexistro de defuncións xa ter comezado a superar o de nacementos; un dato do que é doado deducirmos, de non lle pormos remedio, o avance do proceso de substición lingüística, pois ben sabemos da relación entre uso de galego e maior idade d@s falantes. Semella que esa  lei de vida natural, no entanto, é apoiada por outras de corte político que levan ao responsábel de política lingüística a admitir o coñecemento de estudos que demostran a menor competencia lingüística en galego, a respecto do castelán, na infancia e na mocidade galega, malia esta aceptación non implicar a achega, pola contra, de ningunha medida para o corrixir cara a ese idílico equilibrio tan fastosamente teorizado sempre.

E finalmente, México salta novamente ao circo mediático nesa retransmisión dun novo capítulo da serie ficcional Xogo de barcos, que amordaza a comarca de Ferrolterra e onde, como corresponde a este tempo tan á moda de andar a ceacú, tarareamos aquela canción infantil dos anos 70, Un globo, dous globos, tres globos, e substituímolos pola travesía voadora aventureira dos floteis nas quinielas do engano que andan a prediciren cantos se construirán na nosa empobrecida industria naval.

Así pois, para resistirmos, houbo que agardar por esas seccións anecdóticas, para as que nunca fica espazo, que adoitan submerxerse entre o fútbol e as necrolóxicas ou en camufladas entradas electrónicas disimuladas entre a sacrosanta publicidade, para fitar detidamente unha luz e parar a ler cun esbozado sorriso cómplice nese lugar do mundo co que historicamente Galiza mantivo estreita colaboración de acolledora irmandade: México.

Dabamos os primeiros pasos dunha recén estreada semana coa noticia da concesión do premio Cervantes a Elena Poniatowska, escritora e xornalista mexicana. Aplaudimos, coreamos un viva merecido e apresurámonos a poñelo en coñecemento desa ampla comunidade virtual que nos ofrecen as redes sociais.

Mais, nesta ocasión, a alegría era moito máis íntima e emotiva, pois a galardoada era sentida por nós na pel, como unha muller próxima, unha amiga das letras e unha compañeira de conversa. 

"A súa conciencia crítica e comprometida coa vontade de transformar o mundo a través da lieratura aínda resoa avivecida en nós.As mulleres son as grandes esquecidas da historia. Os libros son a mellor forma de lles render homenaxe".

O seu sorriso permanente e o seu agradecemento entregado naqueles días do mes de maio de 2009 en que nos acompañou, convidada pola AELG, para recibir o seu premio como Escritora Galega Universal, renaceron na nosa memoria, o orgullo redobrou e lembramos a súa felicidade recoñecida publicamente por ter recibido este premio despois dunha negra e dun palestino, en alusión a Nancy Morejón (2008) e Mahmoud Darwix (2006), respectivamente, así como por lle ter axudado, naquela visita, a comprender a orixe de moitas realidades de México, como os apelidos.

Ben sei que a memoria é abondo feble, o que probabelmente explique que, fóra deste xornal no que escribo, ningún outro medio galego tivese presente este recoñecemento feito en Galiza e desde Galiza, por parte d@s compañeir@s da escrita, para con esta escritora referente no mundo das letras, fiel retratista da realidade histórica contemporánea mexicana e cronista cuestionadora do sentido da moral, da xustiza e do absurdo da vida que se permite esquecer sempre dos máis pobres e humildes. Boa oportunidade, asemade, para nos lembrar que, precisamente a raíz daquela viaxe, na actualidade podemos ler tres títulos de Elena Poniatowska na nosa lingua: A filla do filósofo, Lilus Kikus e Benquerido Diego, abrázate Quiela.

O recoñecemento para Elena Poniatowska veu dado no seu día polo contrastado perfil de escritora defensora das causas sociais e por ter aberto camiños para aqueles sobre quen se tiñan deitado agras de invisibilidade. Porque a súa literatura nace da rúa, da experiencia da vida máis real e profunda, mais teimudamente agochada e acosada por quen só respira desde o profundo e conservador sentido patriarcal.
Autora da biografía colectiva de México, retirou o sinal de dirección prohibida e cedeu o paso ao protagonismo feminino, como epicentro construtor das súas novelas, relatos e pezas xornalísticas, onde as mulleres populares, as bordadoras, as maquiladoras, as soldadeiras, as tecedoras, as nais solteiras, as vendedoras ambulantes do mercado, as mulleres indíxenas de Chiapas, as asasinadas e desaparecidas de Ciudad Juárez, etc. son espidas de ópticas machistas e mostradas na súa sensibilidade plena e o traballo incansábel. Porque na razón de ser delas abala a súa definición do concepto da modernidade: unha muller que traballa e gaña o sustento.

Na recepción do premio como Escritora Galega Universal, esta chaparrita, como gustou de se presentar ante o auditorio, recoñeceu que levaba para México no corazón a calidade humana, a intelixencia, a lucidez e a paixón de Galiza e da lingua galega. Catro anos despois, a súa conciencia crítica e comprometida coa vontade de transformar o mundo a través da lieratura aínda resoa avivecida en nós.
As mulleres son as grandes esquecidas da historia. Os libros son a mellor forma de lles render homenaxe.

Nesa tarefa común andamos e andaremos, prezada Elena, o tempo de noso.

Comentarios