Opinión

Do Malo será ao Peor foi

Había unha vez un anuncio publicitario que era coreado popularmente a ritmo do confiado lema  “Malo será”. O ano transcorreu e sentenciou un “Peor foi”. Mais o conto non rematou, pois agora a mesma empresa anunciante convéncenos de que estamos a vivir o mellor nadal 2013 posíbel (porque non hai outro). E aquí si que podería rematar o conto cunha honra e outra salve ao conformismo colectivo.

Había unha vez un anuncio publicitario que era coreado popularmente a ritmo do confiado lema  “Malo será”. O ano transcorreu e sentenciou un “Peor foi”. Mais o conto non rematou, pois agora a mesma empresa anunciante convéncenos de que estamos a vivir o mellor nadal 2013 posíbel (porque non hai outro). E aquí si que podería rematar o conto cunha honra e outra salve ao conformismo colectivo.

"A vergoña allea arrubiunos tantas veces como a impotencia e a humillación nos obrigou a tomar partido para non formarmos nunca parte da procesión dos caladiños"

Porque a medida que escapamos de anuncios, propagandas e titulares programados e imos á letra pequena do día a día, albiscamos as razóns das nosas dificultades para desexar boas festas as persoas que vivimos canda a xente do común, esa parte maioritaria da sociedade que sempre resultou ser diana receptora da calquera medida-dardo que os provocadores da crise -nunca receptores- aplicaron sobre ella, sen se inmutaren nin alteraren nunca o rictus supremo da súa cerúlea expresión impertérrita.

A vergoña allea arrubiunos tantas veces como a impotencia e a humillación nos obrigou a tomar partido para non formarmos nunca parte da procesión dos caladiños, conscientemente conformes ou inconscientemente indolentes.

Este nadal dificilmente pode ser vivido como o mellor posíbel porque as nefastas consecuencias dun ano enteiro non o permiten. Inevitabelmente, estes días facemos balance e a báscula non consegue aproximar o equilibrio para quen viviu na néboa ou na treboada permanente.

Hai un ano recompilabamos o abecedario compañeiro de 2012 e apostabamos por outro ben diferente e acorde ao que ía ser no 2013 o Ano Europeo da Cidadanía, que máis ben percibimos como o Ano Europeo Contra da Cidadanía.

"Este nadal dificilmente pode ser vivido como o mellor posíbel porque as nefastas consecuencias dun ano enteiro non o permiten".

A voracidade das novas inquietantes e turbadoras amolece a resistente memoria, mais esta é a imprescindíbel e irrenunciábel cortiza coa que facermos fronte a un novo ciclo completo de solsticios e equinoccios.

Percorremos xa este costento 2013 e chega o momento de botarmos a ollada cara atrás para tirarmos algunhas conclusións sintetizadoras do proceso promovido pola (des)orde política, seguindo, máis un ano, a pauta alfabética, agora en clave de acción verbal:

A: Avanzar na desigualdade socioeconómica gravando impositivamente quen menos ten.
B: Burlar a capacidade aforradora da sociedade galega traballadora para espoliala.
C: Criminalizar a democrática organización cidadá á procura da autodefensa colectiva.
D: Discriminar o estudantado por razóns de xénero na escolaridade obrigatoria.
E: Extinguir dereitos ás mulleres que lles permitan tomar decisións sobre o seu corpo.
F: Fomentar a cultura da non reflexión e o pensamento acrítico.
G: Gobernar desde a inxustiza e desde a desproporción policial contra a maioría social.
H: Homoxeneizar aquilo que non responde ao modelo central supraestabelecido.
I: Ignorar a diversidade lingüístico-cultural e neutralizar a defensa identitaria propia.
L: Lexitimar a golpe de lei unilateral o que é ilexítimo socialmente.
M: Manipular a realidade dos feitos con palabras espurias.
N: Negar o futuro baseado nas decisións propias e soberanas do pobo.
O: Obviar calquera posibilidade de diálogo e consenso co pensamento diferente.
P: Predicar desde os parlamentos laicos o adoutrinamento da xerarquía católica.
Q: Queimar calquera posibilidade de formulación de políticas de protección social.
R: Renegar dos avances e das melloras sociais dos dereitos da clase traballadora.
S: Sancionar a quen menos responsabilidades ten e acubillar os axentes estafadores.
T: Timar o pobo para salvar bancos, clubs de fútbol e familias rexias.
U: Ultimar a liquidación programada dos servizos públicos e o estado de ben estar.
V: Vender un país rico -aínda que intencionadamente empobrecido- a prezo de saldo.
X: Xestionar o ben público para a súa cesión ao interesado sector privado.
Z: Zugar do beneficio colectivo para o enriquecemento persoal e zafar da asunción de responsabilidades.

"Xa sabemos que nunca choveu que non escampara, mais tamén que segue a chover sobre mollado"

Velaquí un conxunto incompleto de accións políticas promovidas para a inacción e a involución que, no 2014, deberiamos anotar nas nosas axendas para as combatermos desde a palabra e actitude comprometida, en irmandade, para botarmos abaixo as cancelas trancadas de conformismo e resignación e recibirmos a nova alborada rosaliana que, sorrindo, ¡¡¡ á sombra espanta!!!

Porque xa sabemos que nunca choveu que non escampara, mais tamén que segue a chover sobre mollado; porque aprendemos que ningún tempo pasado foi mellor nin queremos ser un ninguén que vai para ningures.

Porque merecemos que non nos rouben o futuro de noso, chamaremos polo vindeiro ano para que continúe a nos convocar na luzada amiga dos soños partillados.

Comentarios