Opinión

Distanciamento social

Certo sentimento de orfandade produce esa unión de palabras que renegan da nosa principal condición como persoas e dos valores centrais para o convivio desde o humanismo: a socialización e a empatía.

Orfandade ante unha situación de risco severo na saúde pública que foi medrando no desconcerto, día a día, acompañando cifras medradas de persoas infectadas polo coronavirus, ingresadas na UCI e, finalmente, mortas.

Orfandade ante unha corentena que simula no Estado español unha deliberada intervención suprasanitaria, ao pretender atender a pandemia cos gobernos autonómicos detrás do central e non ao seu carón para unha mellor coordinación segundo a alerta de cada realidade territorial.

Orfandade ante a presenza nas rúas dun despregue policial e militar que amedrenta o pobo e non as grandes empresas que impiden ou dificultan a seguridade sanitaria do seu persoal.

Orfandade ante as rúas desertas e improdutivas dos nosos barrios, consciente das graves consecuencias económicas que se aveciñan para un sector tan importante como son as pemes e o comercio local.

Orfandade ao verificar a treboada de cancelacións e adiamentos de eventos culturais, unha creación, produción e distribución que, tantas veces, semella invisíbel na sociedade e nos medios de comunicación e que alimenta e sostén como zume elaborado a sociedade. Vivimos nunha emerxencia tamén cultural.

Orfandade ante un presidente da Xunta de Galiza que gardou un vertixinoso distanciamento de seguridade co pobo galego ao renunciar a se comunicar con el en galego, nun momento de extrema gravidade e en intervencións oficiais, arrombando a sonoridade da lingua propia e oficial da nación a un irrelevante segundo plano dun país subtitulado en emerxencia.

Non sabemos a quen se dirixe, que quere demostrar nin a quen o Sr. Presidente da Xunta. Mais o que si sentimos é o seu desprezo pola nosa lingua e a irrelevancia á que a somete en cada oportunidade.

Comentarios