Opinión

Día Europeo das Linguas

Saúda o outono coas primeiras pingas que arrefriarán a pel e o corazón da terra queimada e cinsenta, testemuño inerte da connivencia entre as conciencias suicidas e a planificación política confiada ou desleixada.

Saúda o outono coas primeiras pingas que arrefriarán a pel e o corazón da terra queimada e cinsenta, testemuño inerte da connivencia entre as conciencias suicidas e a planificación política confiada ou desleixada.

Saúda o outono baixo un descenso de temperaturas xeneralizado e ceos anubrados que agocharán a raiola solar estival para dar entrada, neste veranciño prorrogado de San Miguel, a un novo curso de resistencia ás treboadas e marexadas que se albiscan, entre a certificación presidencial dos chistes apoloxéticos do franquismo e as condenas proféticas dos defensores do dereito a ser, existir e transmitir con  normalidade a lingua galega de antidemócratas e terroristas.

"O Parlamento europeo pídelle á Unión Europea, aos Estados membros e ás autoridades rexionais dos Estados membros que presten maior atención ás linguas ameazadas"

Desde o ano 2001, o 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, efeméride organizada polo Consello de Europa e a Unión Europea coa finalidade de festexar a diversidade lingüística e cultural europea e promover a aprendizaxe das linguas.

Diversidade lingüística que a literatura investigadora confirma ser cada vez menos diversa e menos plural. Linguas mortas que xa nada darán que falar e linguas ameazadas, minorizadas, polas que aínda deberemos falar.

Neste sentido, o pasado 11 de setembro coñecemos o contido da Resolución do Parlamento europeo sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea, un ilustrativo documento que pode lerse traducido para o galego na web de ProLingua (http://prolinguagalega.org).

Neste longo informe o Parlamento europeo pídelle á Unión Europea, aos Estados membros e ás autoridades rexionais dos Estados membros que presten maior atención ás linguas ameazadas; que apliquen políticas proactivas ambiciosas de revitalización das linguas afectadas, que incorporen o respecto efectivo á diversidade lingüística e especialmente a protección das linguas non hexemónicas europeas ou que apliquen, entre outras moitas propostas, unha política lingüística que permita a adquisición desde a máis tenra infancia como lingua materna da lingua ameazada de desaparición.

Asemade, esta Resolución considera que unha política de revitalización lingüística é un esforzo de longo alento que debe apoiarse na planificación coordinada e variada de actividades en diversos ámbitos, en particular a educación, coa educación preescolar e primaria como principal activo, xunto coa formación dos pais na propia lingua (…).

"O actual Decreto do plurilingüismo galego reforza a presenza e aprendizaxe do castelán, inclúe o inglés como lingua desde a que aprender materias non lingüísticas e diminúe, ao tempo que limita, o contacto co galego na escola"

Políticas proactivas ambiciosas de revitalización da lingua minorizada de aplicación para o caso galego no ensino son, nesta altura, vocacionalmente inexistentes, pois os marcos reguladores actuais non só non permiten avanzar na consecución de obxectivos no ámbito da normalización lingüística, senón que amparan e promoven a involución a respecto da lexislación democrática de referencia, a Lei de normalización lingüística, da que este 2013 se cumpre o seu 30º aniversario, unha madura maioría de idade que, sen embargo, aínda non permitiu ver cumprido o seu macro obxectivo: plena adquisición da competencia lingüística nas dúas linguas oficiais ao remate do ensino obrigatorio.

A lingua propia desta nacionalidade histórica, segundo a terminoloxía constitucional á que tanto se interpela, o galego, semella ser unha lingua tan simple que é aprendida por ciencia infusa ou en efemérides puntuais, no memorial anecdotario de actividades máxico-lúdicas e acuático-festeiras, mais non na cotiá normalidade do día a día d@s falantes. Lingua de aparecid@s semella ser esta cuxo uso implica sancionar a quen ousa empregala con normalidade no seu labor administrativo, como recentemente foi noticia na Deputación da Coruña, ou invisibilizala na súa transcrición impresa nos medios de comunicación ao traducila ao castelán cando o entrevistado responde en galego, como adoita acontecer coas declaración do actual entrenador do Deportivo.

Con todo, mentres tanto, adornamos o escenario escolar cun groso pano de veludo chamado plurilingüismo para que a obra que nel se vai representar non pareza o que é.

No actual modelo educativo galego conflúen tres ou catro linguas nos currículos escolares das diferentes etapas: o galego, lingua propia e oficial; o castelán, lingua oficial, e mais unha ou dúas linguas estranxeiras. Unha confluencia lingüística que, lonxe de ser anecdótica, está ben presente nos modelos educativos europeos dos que sempre temos noticia positiva canto ás súas ricas potencialidades en competencia plurilingüe, como é o caso de Finlandia, Suecia ou Canadá.

"Unha verdadeira aprendizaxe plurilingüe, isto é, non excluínte, atenta ao contorno sociolingüístico e sensíbel coa necesaria oferta escolar positiva para a lingua galega que contribúa como freo ao progresivo proceso de substitución lingüística non crea conflitos"

Xorden entón as preguntas: como lle procurarmos un lugar na escola a cada lingua? Como asegurarmos o éxito da competencia plurilingüe do alumnado actual cando nós, docentes, pais e nais fomos maioritariamente aínda educados e formados nun modelo pedagóxico monolingüe? Como iniciarmos un novo camiño educativo se carecemos da  necesaria (in)formación previa? Como contrarrestarmos os discursos pexorativos e reaccionarios de certos colectivos que asentan na sociedade leis non escritas que prexulgan e estigmatizan a lingua galega? Como convencermos das bondades e dos beneficios, individuais e colectivos, do multiculturalismo e do seu consecuente plurilingüismo, desde o propio e máis próximo? Como convencermos, en definitiva, non para vencer, senón para equilibrar e acrecentar a competencia lingüística das novas xeracións?

O plurilingüismo non debería ser entendido como unha porta acoirazada, senón máis ben como unha porta circulatoria, sempre en movemento e onde é doada a interrelación de linguas e persoas. O plurilingüismo é, de seu, inclusivo, mais tamén pode ser convertido nunha práctica excluínte. 

O actual Decreto do plurilingüismo galego reforza a presenza e aprendizaxe do castelán, inclúe o inglés como lingua desde a que aprender materias non lingüísticas e diminúe, ao tempo que limita, o contacto co galego na escola. Sabémolo como docentes, como pais e nais e como cidadanía que vive cos pés na terra e o oído atento, nomeadamente en contornos castelanófonos, onde semella permanentemente activada a tecla OFF para a comunicación en galego. A nosa realidade vital, o noso marco socializador, convértese en proba empírica ratificadora dos resultados coñecidos por investigacións diferentes. E nada permite concluír que as autoridades educativas tamén non o soubesen no momento de redacción e aprobación unilateral dese controvertido, social e profesionalmente, documento legal. E nada semella ter trazas de mudar para mellor pola súa parte nin sequera atendendo aos mandatos das sentenzas xudiciais nin, moito menos, á obxectividade do sentido común.

A resistencia cidadá persiste porque a moven as expectativas de futuro. Porque sabemos que unha verdadeira aprendizaxe plurilingüe, isto é, non excluínte, atenta ao contorno sociolingüístico e sensíbel coa necesaria oferta escolar positiva para a lingua galega que contribúa como freo ao progresivo proceso de substitución lingüística, non crea conflitos entre as persoas nin tampouco confrontos entre o profesorado; non anula liberdades individuais ou familiares nin mingua capacidades comunicativas.

No idioma está a árbore xenealóxica dunha nación, din que sentenciou Samuel Johnson. 

Porque no Outono é sazón de sementar, sementemos neste Día Europeo das Linguas o noso contributo colectivo a esa diversidade lingüística e cultural, ben prendidos na nosa raíz principal de identidade nacional e con horizonte de progreso,

Pois nós somos semente verdadeira,
altísima razón, claro destino
que erguemos a Galiza por bandeira.

Poemas ao Outono, Manuel María

Comentarios