Opinión

Día da Patria Solidaria Galega.

Hoxe é 25 de xullo, Día da Patria Galega. Os plans persoais de milleiros de galegas e galegos agardaban para hoxe o paseo compostelán polo orgullo colectivo, a festa do xantar na carballeira compostelá e o reencontro neses lugares comúns para a historia nacional.

Hoxe é 25 de xullo, Día da Patria Galega. Os plans persoais de milleiros de galegas e galegos agardaban para hoxe o paseo compostelán polo orgullo colectivo, a festa do xantar na carballeira compostelá e o reencontro neses lugares comúns para a historia nacional.

Hoxe as bombas de palenque, as de sete estralos, as bandas de música de vilas e parroquias a vestiren as súas mellores galas, os traxes de estrea para o día da festa, os convidados á mellor mesa do ano, os faladoiros da sobremesa interminábel... 

"O día amenceu triste, pingando na xanela interrogantes cinsentas e con insoportábel arrecedendo a frustración e derrota"

O día amenceu triste, pingando na xanela interrogantes cinsentas e con insoportábel arrecedendo a frustración e derrota, logo dunha noite de verán longamente desacougadora e narcotizadora do sono, onde as cifras teimaron en ennobelarse para o desacougo temeroso e a progresiva impotencia. Porque cada número dunha nova vítima que iamos coñececendo sabiamos que era máis un nome propio para amplificar a dor pola perda irreparábel de quen te vén acompañando, na vida íntima e familiar, nesta rede de lazos humanos socializadores que precisamos construír para axudarnos a ser.

O comboio foi ferramenta de vida e progreso no noso país, velaí ven, velaí ven avantando a locomotora, escribía o noso poeta Curros Enríquez. Vivimos de vertebradoras mans dadas con el na súa configuración territorial de esqueiros e pasadoiros que nos ofrecesen billetes de ida e volta.

"A noite do 24 de xullo, nunha parca curva final, un cruento lapso de tempo inmiscíbel, ese tempo que nunca abonda, que sempre nos falta para o verdadeiramente importante e irrenunciábel, amortallounos". 

A noite do 24 de xullo, nunha parca curva final, un cruento lapso de tempo inmiscíbel, ese tempo que nunca abonda, que sempre nos falta para o verdadeiramente importante e irrenunciábel, amortallounos. Fíxose o loito e as palabras pronunciáronse en corpos comprometidos de intervención solidaria a recrearen unha irmandade en batalla pola vida entre a cruel friaxe dos camiños de ferro.

Neste día de bágoas de lembranzas pasadas que inexplicabelmente xa non terán futuro; neste día de agradecemento por unha segunda oportunidade para a vida; neste día de agardas, incógnitas, medos, incertezas e verdades que se desexan mentiras, a solidariedade da cidadanía galega tenvos moi presente, acompáñavos na vosa indescritíbel dor e partillará a vosa procura de respostas no tempo que debe continuar.

Hoxe as lembranzas até obrigan a atragoar o silencio. 

Falou o Día da Patria Solidaria Galega.

Comentarios