Opinión

Contra o silencio

E, ós que s'asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden.

Con estas palabras, a Revista Nós facía historia hai cen anos. Daquela, Lois Peña Novo tomaba posesión da acta como primeiro concelleiro nacionalista na casa do concello de María Pita e con el chegaba o galego ao salón de plenos.

O nacionalismo [...] é pois sempre un amor, expansivo e creador como todos os amores. O nacionalismo sempre é un apostolado fecundo e nunca un sectarismo intransixente.

A mesma praza que en 1923 acollía as Escolas do Insiño Galego, experiencia pedagóxica das Irmandades da Fala que pretendía reparar a discriminación do galego no sistema educativo.

Hoxe, un BNG reforzado electoralmente abre unha nova lexislatura coa vocación de traballar máis para facer valer mellores condicións de vida para o pobo galego como garantir o dereito a unha educación pública de calidade, ao acceso á cultura galega como ferramenta de cohesión social e construción do pensamento ou a vivir en galego, recuperando a aprendizaxe da nosa lingua na escola e promovendo espazos de uso normalizado.

Reparar a dignidade, como catro séculos antes fixeran María Pita e Inés de Ben, xunto a outras mulleres que teceron redes de anonimato femenino.

Cigarreiras, misteiras, lavandeiras, leiteiras, tendeiras, costureiras, redeiras e mariscadoras, as mestras da República, as Irmandiñas, as poetas que nos escriben, de Rosalía de Castro ("Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino") a Luísa Villalta ("Só nos queda loitar contra o cansazo / porque durmir non é soñar"). Mulleres a faceren Historia. Contra o silencio.

Comentarios