Opinión

Coidar de Nós

Neste 2020 celebramos de forma obrigadamente disimulada o centenario da Revista Nós que o tempo demostrou ser unha enciclopedia do pensamento e das aspiracións dunha época: análise e creación dunha Galiza con dimensión europea desde o uso normalizado dunha lingua plena.

Obxectivos irrenunciábeis que sostiveron outros proxectos editoriais da historia contemporánea que tamén celebran efemérides. A editorial Galaxia cumpre setenta anos, mentres que Laiovento estrea os seus primeiros trinta.

Dúas casas editoras que acollen nos seus catálogos o legado da escrita de ficción e de investigación da cultura galega. Ambas as dúas, en plenos procesos vivos de madurez, seguen a abrir camiños propios como pontes entre a creación das autoras e autores galegos e o lector destinatario, porque con cada novo libro chega ese pequeno milagre humano.

Milagre literario e cultural que vivimos nesta pospandemia con consecuencias analizadas no Barómetro da cultura galega I, recentemente dado a coñecer polo Consello da Cultura Galega.

A vulnerabilidade previa do sector cultural galego, do que o libro galego fai parte ben representativa, redobrou nela o grave impacto do coronavirus.

Entre as cifras desta radiografía imprescindíbel para trazar a liña continua do futuro estarían o feito de que só o 43,9% das empresas culturais mantiveron a actividade durante o confinamento; o 38,6% solicitaron un ERTE, sobre todo nas artes escénicas e no sector do libro; o 60,7% sufriu a raíz da Covid-19 unha redución de máis do 50% da facturación.

Os indicadores de despedimentos de traballadores, xunto ás dificultades para pagar impostos e seguros sociais e a queda na facturación de máis dun 50% son indicadores da grave situación que cómpre afrontarmos con afouteza desde as administracións públicas.

Coidar da cultura é coidar da calidade democrática da vida das persoas, xa que, en palabras da filósofa María Zambrano, "La cultura es el despertar del hombre”.

Comentarios