Opinión

O Centro de Documentación da AELG: un espazo literario en construción colectiva

A finais do ano 2005, a AELG presentaba publicamente o primeiro gran proxecto ambicioso, por unha banda, e vertebrador, pola outra, do que pretendía ser unha nova xanela que colocase a creación literaria galega na sociedade.

A mellora dun modesto e iniciático portal web activo naquela altura era unha demanda precisa para acompañar os tempos da comunicación dixital que o consello directivo da AELG, encabezado polo seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, asumiu como un reto esixente, xa que a historia da literatura galega contemporánea carecía dun relato visíbel e audíbel próximo ao lectorado consolidado e en formación.

Após intensos meses de traballo técnico e de coordinación documental interna, e grazas ao apoio económico daquela Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, cúmprense agora quince anos da posta en andamento do Centro de Documentación dos Escritores e Escritoras en Lingua Galega, eixo nuclear da web que naceu co obxectivo de conservar e pór a disposición dos investigadores e investigadoras e de todas as persoas interesadas desde todas as culturas do mundo, aqueles materiais xerados polos escritores e escritoras en lingua galega, así como a súa actividade social: obra de creación e de investigación, obra crítica e calquera outro tipo de documentación que puidese enriquecer o coñecemento do feito literario en galego.

É por iso que o Centro de Documentación da AELG se foi convertendo colectivamente, coa colaboración participativa da base asociativa da AELG, nestes tres lustros, na artesa en que se recolle toda a información e documentación depositada polos escritores e escritoras, que é procesada para poder dispor dunha ampla fonte documental á que ter acceso áxil desde a rede.

A creación deste Centro de Documentación partía da carencia dunha entidade aglutinadora da documentación sobre as escritoras e os escritores vivos, mais tamén da necesidade que a figura do escritor/a ten de contar cun centro que os axude na súa difusión e recepción social.

O Centro de Documentación é un milladoiro de pequenos espazos web dedicados a cada escritora ou escritor seguindo os seguintes centros de interese: unha autobiografía, unha fotografía recente, unha bibliografía completa, unha antoloxía representativa da obra escrita, unha mostra de obra traducida, se for o caso, e calquera outra documentación, en calquera idioma (críticas, recensións en prensa, entrevistas, artigos, documentación gráfica, prólogos e presentacións de obras) identificada como paratextos.

Asemade, cada espazo permite redirixir e ensanchar o espectro informativo autorial ao enlazar con toda a actividade cultural vinculada á súa obra e recompilada a través da axenda cultural da AELG.

Nos últimos anos, desde a AELG entendemos a urxencia de construír, para alén do contido textual literario, un corpus fotográfico e audiovisual dos socios e socias. Eis a razón de ser das seccións internas do Centro de Documentación identificadas como “Fototeca” e “Videoteca”, que multiplican o seu radio de consulta a través das redes sociais da propia AELG.

A fototeca permite acceder á imaxe persoal dos autores e autoras, mais tamén ao arquivo fotográfico histórico que achega as claves necesarias para a análise da diacronía do sistema literario das últimas décadas (non esquezamos que neste 2020 a propia AELG cumpre 40 anos), mentres que a videoteca achega un inmenso centro de recursos audiovisual desde o que acceder a entrevistas con múltiples reflexións que permiten amplificar o campo propiamente creativo de cada autoría: cando comezou a escribir, calos son os referentes, que lecturas a marcaron, proxectos actuais, lectura da propia obra…

Nun momento en que a web da AELG supera os 38 millóns de visitas, entre as que o nivel de consulta deste espazo documental é dos máis demandados, cómpre continuarmos a renovar o impulso deste mapa da historia literaria galega contemporánea.

Comentarios