Opinión

Cáritas, Instituto Nacional de Estadística, Consello da Cultura Galega e Resistencia Galega

Desafío? Burla? Provocación?

De difícil cualificación resultan as ofendidas declaracións públicas do máximo responsábel do Goberno galego á hora de negar á maior o recente informe de Cáritas para anular calquera cuestionamento do seu suposto plan de acción política eficaz para un presente que, ben consciente das feblezas do momento, asumiu liderar como o profeta reconquistador e salvagarda da patria.

Desafío? Burla? Provocación?

"De difícil cualificación resultan as ofendidas declaracións públicas do máximo responsábel do Goberno galego á hora de negar á maior o recente informe de Cáritas para anular calquera cuestionamento do seu suposto plan de acción política"

De difícil cualificación resultan as ofendidas declaracións públicas do máximo responsábel do Goberno galego á hora de negar á maior o recente informe de Cáritas para anular calquera cuestionamento do seu suposto plan de acción política eficaz para un presente que, ben consciente das feblezas do momento, asumiu liderar como o profeta reconquistador e salvagarda da patria.

A negación dos datos deste informe, responsabilidade da organización caritativa e humanitaria máis grande do mundo, financiada e pertencente á Igrexa católica e instituída pola Conferencia episcopal, suma unha nova proba ao relatorio argumental despropositado de quen semella descoñecer a realidade do país que debe gobernar ou, o que sería aínda peor, se orgulla con ruín descaro de o ignorar.

Resulta estarrecedor que quen gusta de facer declaracións para falar de promesas de cifras positivas en titulares de prensa inintelixébeis, que nunca acaban de se concretar en feitos tanxíbeis nin percibimos consecuentemente nas necesidades básicas do día a día, non arrefríe minimamente logo da lectura deste informe que, a nivel galego, alerta de ao redor de 650.000 persoas en risco de exclusión social e 120.000 en situación de pobreza severa.

Debe ser que a razón deste desprezo vai moito máis aló dun problema de xordeira, miopía , olfacto, falta de tacto ou pésimo gusto. Debe ser que falla o sentido común, ese que non sempre adoita ser o máis común de todos os sentidos.

Que a chamada crise non afecta a toda a sociedade por igual debera ser lección que xa incluso os máis crédulos deberan ter aprendida. Que os pecadiños dos e das contribuíntes son capitais e os das e dos sobornantes corruptores e conscientemente sobornados e corrompidos son beniais, tamén. Velaquí o mundo do revés que pretende hipnotizarnos coa anestesia programada cantareira do “son todos iguais”, cando cada vez fica máis despexado o escenario onde se representa o xogo político do quen é quen e con quen está ou contra quen.

"Os pecadiños dos e das contribuíntes son capitais e os das e dos sobornantes corruptores e conscientemente sobornados e corrompidos son beniais"

Para confirmar a visión que nos acompaña a quen andamos cos pés na terra, percorrendo a carón da xente as distancias das nosas parroquias, vilas ou barrios urbanos, arroupados co abrigo da solidariedade compartindo mínimos cos comedores sociais, con bancos de alimentos, mercando material escolar e fondos bibliográficos comunitarios, deitando o lixo a diario nos colectores onde o proceso de reciclado humano é outro ben diferente ao agardado, botando contas en medrados núcleos familiares interxeracionais, contabilizando as novas caras deprimidas ás portas dos supermercados e os corpos adormecidos en portais, caixeiros e accesos comerciais... se cadra é preciso aparcar o coche oficial, tirar o nó apertado da gravata, abandonar os discursos baleiros de contido, actuar sen pedir permiso a Madrid, Alemaña ou Bruxelas e acreditar fielmemente no capital humano e nos recursos propios do país.

Negar o aumento da pobreza, a cronicidade da miseria, a infraalimentación de familias enteiras sen recursos económicos, a vulnerabilidade de profesionais cualificados en situación de paro persistente, a quebra na cohesión social e o espolio dos dereitos non garante a solución dos problemas urxentes. Ou é que aínda pretendemos continuar a vivir na burbulla-gueto dos novos ricos ignorando a realidade social dos cada vez máis empobrecidos por quen non cansa de gañar beneficios? A única verdade é a realidade, dixo Aristóteles. Neste caso, a convivencia entre a verdade e realidade mancan a ferro. Negar a realidade, logo, é afirmar a mentira.

Claro que se a orixe do anterior informe subrepticiamente puidese traducir algún xénero de dúbida sobre un suposto sesgo mal intencionado, aínda podemos deter a atención no Informe do Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, presentado o pasado mes de febreiro, que sintetiza a evolución do gasto cultural dos fogares galegos a partir da Encuesta de Presupuestos Familiares elaborada polo Instituto Nacional de Estadística.

"Confírmase a queda máis que significativa en Galiza, en relación ao Estado español, do gasto das familias en bens e servizos culturais, especialmente desde 2010, o que nos coloca na 14ª posición en relación comparativa coa totalidade das comunidades autónomas".

Neste informe, de moi recomendábel lectura para coñecer o estado da cuestión até 2012, confírmase a queda máis que significativa en Galiza, en relación ao Estado español, do gasto das familias en bens e servizos culturais, especialmente desde 2010, o que nos coloca na 14ª posición en relación comparativa coa totalidade das comunidades autónomas.

A maior redución do gasto produciuse no noso país na compra de libros non de texto (un 26,9% que representan 15,3 millóns de euros menos de gasto).

Preguntámonos a que se debe este proceso de abandono do consumo cultural (que tamén comprende asistencia a todo tipo de espectáculos, teatro, cine...) e, sobre todo, se é unha infidelidade voluntaria ou abandono forzado.

A resposta desa realidade innegábel non se fai agardar no propio informe: as familias deberon afrontar o progresivo aumento do gasto nos últimos anos en tres partidas: vivenda/auga/electricidade, saúde e ensino. Conclusión: a partida de gasto familiar en cultura, desde 2008, é a que experimentou o maior descenso, até un -21%.

E en que marco nos vimos obrigadas as familias a actuar? De novo o informe é ben esclarecedor: un descenso dun 6% nos ingresos medios mensuais das familias desde 2008 e unha taxa de risco de exclusión social en medre constante que chegou xa en 2012 ao 23% da poboación. 

E o malo é que ningunha esperanza hai para a mellora destes datos cando coñezamos as cifras do pasado 2013.

E o peor aínda é ler hoxe en paralelo estes dous titulares neste mesmo xornal dixital: “ A privatización deixa desabastecidos os laboratorios do CHUAC” e “A Xunta investirá 1.400.000 euros nunha campaña publicitaria de “Galicia Calidade”

Claro que tamén podemos conformarnos con agardar un próximo titular en que algún gobernante galego ou delegado central acuse Cáritas, Instituto Nacional de Estadística ou Consello da Cultura Galega de seren a auténtica Resistencia Galega.

Hai unhas semanas, propoñía ao meu alumnado unha actividade de expresión e estimulación creativa consistente en se recoñecer definíndose a partir dos seus medos. Non se trataba dunha idea orixinal, senón de imitar este peculiar xeito de se presentar biograficamente o escritor Xabier P. Docampo no seu libro Cando petan nan porta pola noite.

Desde aquel día bate en min como un martelo un medo expresado por un alumno de 15 anos, estudante de 3º ESO: “Teño medo a que os gobernantes nunca abran os ollos”

Eu non só comparto ese medo, senón que aínda o acrecento cando penso en que a cidadanía non abra os ollos de vez para asumir a valentía de optar por un outro modelo político cuxo obxectivo de compromiso sexa verdadeiramente a xustiza social.

Comentarios