Opinión

Benquerida Elvira

Estes días falamos de ti. Falamos a viva voz, nese corpo asociativo que é a Asociación de Veciñanza de Labañou, no teu barrio. Presentámoste aos descoñecidos e tamén a quen xa lles viñas soando desde que o teu nome renova a identidade da primeira residencia universitaria da Coruña, tamén no teu barrio, como ten que ser.

Porque as cidades non poden ser corpos desmembrados nin mentes amnésicas, senón mans que abrazan e bocas que contan todo o que os ollos miran lonxe.

Falamos moito, porque precisamos contar e ser contadas. Acompañaron na conversa a túa neta Loreta e o teu neto Arturo, sorrintes a unha memoria familiar da que seguen a descubrir orgullo. Falou in absentia Elvira, a túa Elvirita, a filla que sostivo como un eco e segue a termar, desde a consciencia dos case 94 anos, nas cuncas das mans a memoria da nai e do pai, de Elvira Bao Maceiras e Bernardino Varela Do Campo –así, como asinaba el, en galego!

E falaron Pepe O Molinero e Tonecho, dous alumnos da escoliña particular que ti puxeches na casa –cesada como mestra pola ditadura-, naquela casiña de San Roque de Fóra –de novo, sentíndote perto, no teu barrio-, na que te recluíches cerca de dez anos, resistíndote a saír, cansa de medo, persecución, represión, interrogatorios e lembranzas daqueles días incertos detida e dos posteriores meses presa no Cárcere da Torre.

E en falando de ti, falamos de tantas mulleres activas, que pensaron e sentiron como galegas, que participaron da reflexión, do debate, da intervención e das responsabilidades políticas. O teu tempo como membro das Irmandades da Fala da Coruña, da Agrupación Republicana Feminina da Coruña, da Escolas de Insiño Galego…Mulleres que te acompañaron no labor construtor dun mundo mellor, da man da xustiza, da igualdade, da fraternidade.

Falamos de ti e continuamos a aprender as novas leccións das mestras.

Comentarios