Opinión

Con barqueira e remador

Estes días pasados, a Illa de San Simón volveu converterse en espazo alegórico e cómplice para as palabras con memoria, arroupadas en película versificada ao redor do V Obradoiro Internacional de Tradución Poética.

Esta experiencia de intercambio creativo entre seis poetas / tradutores de diferentes países e orixes lingüísticas ben diversas ten a súa razón última no logro dun produto poético multilingüe e integrador, pois cada poeta verterá, ao longo da semana de estadía da nosa illa lírica principal, para o seu idioma, a obra poética das outras cinco compañeiras de viaxe que rematará por percorrer todos os seus mundos literarios.

Para alén dos traballos directos cos vimbios da palabra en cadanseu traxe persoal, as seis poetas ofreceron tres recitais abertos ao público para gozar ao vivo do seu labor creativo.

Tiven a inmensa fortuna de asistir ao primeiro deles, celebrado en Pontevedra o mércores 19 de outubro, e participar en nome e representación da AELG.

As seis poetas ofreceron tres recitais abertos ao público para gozar ao vivo do seu labor creativo

Na Casa da Luz da Boa Vila coñecín a impecábel sintonía que vibraba entre o croata Damir Sodan, a venezolana Miriam Reyes, o estoniano Igor Kotjuh, a búlgara Tsvetanka Elenkova, o ucraíno Ostap Slyvynsky e a galega Dores Tembrás.

Con orgullo deilles a benvida a Galiza, a esta terra nada para ser testemuñada alén mar tamén a través da literatura, entre cobras ben trobadas que nos cantaron para o mundo, xa aló nos finais do século XII.

Benvida tamén a Pontevedra, cidade de pontes abertas a toda viaxe de ida e volta, arroupada na humanidade recuperada para a vida cotiá nas súas rúas e prazas, vivas no balbordo da conversa adulta e infantil, no berce da irrenunciábel fertilidade das palabras.

Benvida á aperta da Praza da Verdura, invocadora da esencia plural, á Casa da Luz, ágora de veciñanza, ronsel que imanta, máis un ano, e xa van cinco!, o alto valor colectivo das palabras libres, as que viven sen fronteiras de seu, contornadas ao redor deste evento agardado, nos días de estrea dun outono algo preguiceiro, con Pontevedra como epicentro hospitalario.

Os nosos versos canda os seus, da man, latexando na melodía multifonética dun mesmo corazón

Este recital plurilingüe, enmarcado dentro do ambicioso e consolidado proxecto Con barqueira e remador. V Obradoiro Internacional de Tradución Poética, soñado e coordinado a pulso pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, renovou nesta edición a súa vontade de evento poético plural, colectivo, aberto e partillado en mancomún; os nosos versos canda os seus, da man, latexando na melodía multifonética dun mesmo corazón, versos catalizadores de prosodias, sintaxes e gramáticas que só deben resultar lonxanas, distantes, afastadas, en apenas frías medicións quilométricas, mais non nos nosos sentires emocionais que son certeiramente comúns.

Sabemos que a morfoloxía das palabras non é unha gaiola que encerre a súa polisemia nunha única e hermética etiqueta nominal para cada un dos nosos códigos lingüísticos. Antes ben, o oficio da tradución abríganos felizmente coa esencia doutras linguas e linguaxes, convidándonos a pronunciar e interpretar o fondo dunha forma literaria que, sen a súa mediación, ficaría preso no cuarto dos silencios orfos.

O pulso da escrita multiplícase no tan difícil como preciso e irrenunciábel reto da práctica tradutora.

O lector ideal é o tradutor. É quen de esmiuzar un texto, retirarlle a pel, cortalo ata a medula, seguir cada arteria e cada vea e, logo, poñer en pé un novo ser vivinte, di Alberto Manguel.

O oficio da tradución abríganos felizmente coa esencia doutras linguas e linguaxes

Permitídeme que traia para aquí dúas novas recentes no sistema literario galego que teñen a tradución como eixo cohesionador deste corpo vivinte que é a literatura galega. 

Recentemente, soubemos da tradución dun dos poemarios da nosa escritora galega fundacional, da voz aínda non superada e fonte limpa á que sentimos preciso voltar, malia pertencer ao século XIX: Rosalía de Castro. As Follas Novas rosalianas voan canda os ventos anglófonos grazas ao maxisterio da poeta canadiana Erin Moure e o compromiso editorial de SmallStations. 

Asemade, Marta Dahlgren, profesora sueca asentada en Galiza, toma o noso sotaque e a nosa fisionomía verbal para darlle nova voz á novela Kallokaina, escrita orixinariamente na súa lingua propia, o sueco, agora édita en tradución para o galego na editorial Hugin e Munin e recoñecida co Premio Plácido Castro de Tradución.

Canto acertou o Premio Nobel portugués, José Saramago, ao nos lembrar que os escritores fan a literatura nacional e os tradutores fan a literatura universal.

Neste camiño bidireccional de convivio universal é por onde queremos transitar, tamén desde a AELG, cos vimbios dunha lingua madura afeita a tecer e destecer, a quebrar espellos minguadores, a evitar complexos negacionistas, a superar devalos, mais tamén a nunca renunciar ao trazado de novos horizontes para a nosa lingua, para a nosa literatura, para a nosa cultura propia que de seu naceu con vocación internacionalizadora.

A arte de traducir consiste en non permitir que se perda nada, asevera Marguerite Yourcenar

Non permitiremos que se perda nada! 

Benvidas poetas, tradutoras, a este lugar que quixo ser de encontro nos afectos e nas palabras! Que quixo ser tamén o voso cuarto propio, a vosa casa!

Comentarios