Opinión

De apelidos galegos e aparatos eléctricos

Sorprendinme estes días pasmada cara o sosegador anuncio dun valado publicitario próximo á casa que destacaba o valor dun apelido galego, Fraga.

Sorprendinme estes días pasmada cara o sosegador anuncio dun valado publicitario próximo á casa que destacaba o valor dun apelido galego, Fraga.

Volvinme deter ante un novo chamado hipnotizador audiovisual enxalzador da necesaria  posta en valor doutros apelidos que ben ás claras dan a cara por nós como o que somos: pobo galego. 

"Sorprendinme estes días pasmada cara o sosegador anuncio dun valado publicitario próximo á casa que destacaba o valor dun apelido galego, Fraga".

Gas Natural Fenosa louvaba os Lavandeira, Rosende, Seoane, Lodeiros e Carreira, que compartillaban pantalla televisiva con aqueloutros apelidos que dan fe dunha historia ben atropelada: Veiras e Villares.

E foi daquela cando a memoria saudosa me transportou ás carreiras desfiguradas polo alcatrán, ás lavandeiras escorrentadas cara outros ceos menos poluídos, aos lodeiros asulagados, aos topónimos borrados con negro lignito da cartografía dos mapas físicos e do territorio dos afectos emocionais e mais aos apelidos que, canda os seus nomes propios principais, se viron obrigados a fuxir do seu espazo vital, familiar, interxeracional, adormecidos cunha abundancia de presente solvente apenas garantista de fame para o futuro de mañá.

Porque a memoria fotográfica que recolleu as instantáneas fixas dos espazos da nenez e da primeira mocidade hoxe só pode falar en clave de abstracción de lugares, aldeas que foron concreción até a miña xeración en Meirama e nas Encrobas, eses espazos convertidos pola empresa citada en bodegóns inmobilizados nos álbumes familiares, naturezas mortas de ouro negro sen posibilidade de negativar para os sentidos das miñas fillas.

Anos despois, semella que as bocas desas chemineas do alto do Mesón do Bento, devoradoras da riqueza agrogandeira da comarca, seguen a converter en fume fuxitivo os nosos nomes e a identidade dos seus significados.

Declama o anuncio engaiolador que o noso apelido é só unha palabra, pero engloba todo o que es. A laudatio aínda continúa e o complemento publicitario convídame nos medios dixitais a procurar a historia do meu apelido, a descubrir nel toda unha oferta de sabedoría cultural a respecto das orixes e valores de seu ou, o que é o mesmo, de meu.

"Como me poden deixar en herdo familiar dous apelidos procedentes de topónimos galegos para me situaren no mundo? Gas Natural Fenosa non ten a resposta ás miñas dúbidas xa case existenciais".

E alá vou. Tecleo no espazo indicado Queixas, premo o botón que di levarme a esta viaxe pola historia antroponímica da estirpe paterna durante uns segundos curiosos que rematan coa inesperada resposta: A historia do teu apelido é tan interesante e misteriosa que non conseguimos encontrala.

Nunca un computador se me revirara de tal xeito!

Perante o meu desconcerto, a pantalla advírteme de que teño moita sorte por posuír un segundo apelido. Así que vou aló co meu Zas, que parece impór foneticamente, mais a resposta volve ser a mesma. Como podo estar tan rodeada de misterio? Ou o que é o mesmo, como poden as miñas orixes tan complexas, co ben que se había gobernar todo cun Fernández ou un Vázquez ou un Rodríguez? Que ganas de se significar! Que vontade minimizadora e localista!

Como me poden deixar en herdo familiar dous apelidos procedentes de topónimos galegos para me situaren no mundo? Gas Natural Fenosa non ten a resposta ás miñas dúbidas xa case existenciais.
Esa compañía eléctrica que non deixou de sumar beneficios, multiplicar dividendos no tempo dos despexos máis brutais e inhumanos, do desemprego prolongado, das familias desposuídas das  garantías mínimas de sobrevivencia para unha vida digna…

Esa compañía eléctrica que sobrancea o apelido galego Fraga cando pretende destruír a Fraga de Casas Vellas en Catasós-Lalín…

"Esa compañía eléctrica que sobrancea o apelido galego Fraga cando pretende destruír a Fraga de Casas Vellas en Catasós-Lalín…"

Esa compañía eléctrica que acubilla no seu consello de dirección con soldos inimaxinábeis pola inmensa maioría dos común dos mortais a expresidentes de goberno supostamente de esquerdas…

Esa compañía eléctrica que ten relegado o seu apelido galego de nacencia ao segundo lugar, isto é, o evitábel ou o prescindíbel, como adoita acontecer con práctica habitual cando se nos nomea, ou tamén o anulábel, como sucedía de forma obrigatoria até hai pouco na transmisión do apelido materno, tróuxome para o acordo unha experiencia persoal que hai un tempo me aconteceu no aeroporto de Dublín de retorno para Compostela cando, despois de agardar unha longa fila viaxeira, entreguei o meu documento de identidade á muller policía que me correspondeu.

Despois duns segundos que non podería precisar, mais que se me fixeron eternos, en que aquela policía miraba e remiraba para o meu documento e contrástabao coa directa, atenta e reiterada observación da miña persoa, achegouse a min e díxome:

- Queixas?

Eu non fun quen de responder, así que ela proseguiu:

- Eu, Vieites. Galega coma min!
Pois así é, como presume o anuncio, canto(s) valor(es) nunha soa palabra!

Comentarios