Opinión

Aínda teño a esperanza

Aínda teño a esperanza de poder

percorrer unha por unha

todas as parroquias de Galiza

Estes Versos do lume e do vagalume de Manuel María véñenme ao acordo nestes días previos á nosa festa nacional, o entroido -antroido, entruido, entrudio, entrudo ou carnaval- cando o mundo vira ás avesas como entrada á Coresma, período de reflexión, abstinencia e penitencia para os cristiáns camiño da Pascua.

É este entroido vindeiro unha boa oportunidade para retomar ese percorrido polo país esmorgante ao paso da xeografía desta vizosa festa tradicional. De Maceda a Vilariño de Conso, de Allariz a Castro Caldelas, de Cangas a Vilaboa, pola comarca da Ulla, de Xinzo a Laza e Verín…

Eu nunca fun a Verín. Nin con entroido nin sen el. No entanto, teño a sensación de presentir Verín, como ese corpo propio que doe na aproximación da dor, física e emocional, ao corpo das outras. E non é entroidada, esa broma pesada e grotesca que o goberno galego ceiba, tan inhumano e descarnado, na carne das mulleres. Xogan coa nosa saúde física e mental. Xogan coa vida das nosas crianzas recén paridas.

Presíntome, de novo, como nai "primeiriza" sorprendida pola "inusual" rapidez dos traballos do parto, para volverme ver, nos pasos da segunda gravidez, ensaiando o traxecto desde a casa ao Materno, calculando con precisión o deslocamento en coche, reconfirmado en horas punta e por vías de acceso diferente.

Porque ante un parto, as incertezas gañan.

Mamá lembra cada aniversario a viaxe en coche ao mesmo hospital para eu nacer e o medo a parir no camiño nalgún punto dos interminábeis 24 km. de distancia irreconciliábeis con cada contracción.

Eu sentíame segura daquela. Hoxe, en Verín, a fría distancia do pasado avólvenos o corpo como un novo puxo.

Se "Sentidiño" foi a palabra galega do 2019, experimentémola ben en todas as acepcións para aplicármola no 2020.

Porque aínda teño a esperanza de cruzar por Verín unha terra liberada pola dignidade do pobo. Teñamos o valor de darnos o futuro.

Comentarios