Opinión

Acordar

É determinante a decisión de ser nai. Por iso debemos ser nós as últimas en ter a palabra. Ter-mar da palabra definitiva. A derradeira.

A partir da nosa afirmación encadéanse outras moitas decisións complexas. Todas elas sen manual contra as vertixes. Sen vacinas que inmunicen os erros.

A escolla da lingua determina xa a nosa relación primeira, intrauterina. As palabras flúen líquidas, amnióticas.

Nove meses, coma nove ondas, despois, os nosos sons tomarán corpo en cada intre de vida compartido. E naceremos unha á outra, en diálogo intransferíbel.

Dun tempo a esta parte dei en pensar naquela primeira palabra coa que naciamos xuntas ao día, aquela voz que chegaba cada alba acompañada dun olor corporal especialmente abrigado nos pregues miúdos da caluga.

Acordei, mami! Esa era a clave do pri-meiro sorriso do día compartido.

A escolla da palabra acordar non era gratuíta, non respondía ao azar, senón á vontade de lle aprender á filla léxico e semántica propiamente galegos. Fixar en xogo atem-poral aquel tempo en que así me falaba a avoa Preciosa: acordei! ou recordei!Se cadra a inesperada lembranza acorda porque o presente convida a recibila.

Precisamos acordar, individual e colec-tivamente, como galegas e galegos, en toda a riqueza da semántica da palabra para convir, harmonizar as disonancias, recordar, espertar, lembrar(se)... Deste xeito, anularemos calquera propósito antónimo intencionado para que esque-zamos, desacordemos, abandonemos, desentendamos ou desasistamos.

Estes días celebramos, máis un ano, e con forza popular renovada, un novo Día de Rosalía, unha data que xa trascende o propio nacemento da nosa poeta na-cional para representar o noso acordar a un tempo novo, a unha outra alborada que merecemos para mirar por nós neste futuro que tecemos coas mans dos nosos soños en herdo.

Escorrentamos a noite, espantamos a sombra para acordarmos á branca aurora do alalá rosaliano, como A man que soña / e aínda terma do ceu de Pilar Pallarés

Comentarios