Opinión

A palabra xusta

Gosto moito da palabra escola. Moito máis que da verba colexio. O seu sotaque resúltame un algo impostado.

A fraseoloxía medra na raíz da escola: crear escola, facer escola, correr a escola. A voz dos meus ascendentes ecoa nas preguntas: Onde puxeches a escola? Onde é que dis escola?

A literatura lévame ao protagonismo do escolante nas Cousas da vida de Castelao cando aquel pequeno resistente lle di a súa nai: “Non quero ir porque o escolante pégame e a escola cheira que fede”. Ou a aquel escolante andaluz que lle pregunta ao meniño galego: “Cuanto año tiene?” e este responde: “Non temos año ningún; temos unha ovella”.

A Ilustración galega represéntaseme na concepción da escola do Padre Sarmiento aberta ao medio, integrada na individualizada progresión do coñecemento do alumnado, no respecto pola lingua propia como lingua vehicular de acceso ao saber.

E o confinamento achégame o visionado do documental “A palabra xusta”, aberto ao público xenerosamente neste tempo difícil, ao tempo que tensamente cuestionador da cadea de aprendizaxe normalizada.

A biografía da súa protagonista, a pedagoga viguesa Antía Cal, transpórtanos á incorporación da escola galega nos principios pedagóxicos europeos a contrafío dun tempo de silencio negador.

Un modelo en que “a escola é fábrica de demócratas”, baseado nunha aprendizaxe continua da man do valor do apoio no grupo, en convivio directo co medio, desde as bases da igualdade de xénero e a introdución do galego no ensino, auténticos “pecados capitais” en palabras da propia Antía. Unha escola, Rosalía de Castro, con aulas nomeadas con fortes referentes educativos como Padre Sarmiento, Concepción Arenal, Castelao, Alexandre Bóveda, Camões, Labregos, Mariñeiros…

Gosto moito da escola, porque a importancia da escola é ser quen de aprender sempre a palabra xusta.

Comentarios