Opinión

33.008 raiolas de luz

O Estado español ratificou en 2001 a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, tratado internacional promovido polo Consello de Europa que compromete o respecto por un dos dereitos humanos básicos como é o coidado pola conservación e transmisión das linguas dos pobos.

Os informes emitidos polo Comité de Ministros do Consello de Europa, ao longo de varios anos, advirten de graves deficiencias na política lingüística da Xunta de Galiza que comprometen o progresivo avance da normalización do galego.

O Consello de Europa volve alertar na súa avaliación periódica da insuficiente presenza do galego no ensino, especialmente a nivel preescolar, para o que xa ten proposto eliminar as limitacións legais á docencia en galego.

E todo isto despois de o Estado español ter informado recentemente que non hai limitacións ao ensino en galego en Galiza, como si verificou o Comité de Ministros, e que o éxito do modelo plurilingüe implantado desde 2010 polo PP está avalado por avaliacións confirmadas polo goberno galego.

No BNG reiteradamente demandamos ao goberno a publicación das avaliacións anuais ás que obriga o Decreto de plurilingüismo, co obxectivo de “desenvolver cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias”. Mais o PP nunca achegou ningunha avaliación de contraste, polo que se descoñece que informes trasladou ao Estado.

Mentres tanto, o PP leva dous meses vetando na mesa da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento a proposta do BNG de comparecencia dun representante das organizacións sociais asinantes da Proposta de bases para a normalización lingüística no ensino.

Con esta decisión arbitraria, o PP pecha a porta da Cámara á sociedade que reclama frear a involución do galego no ensino, no que afecta á súa aprendizaxe e uso por parte das xeracións máis mozas, ao tempo que censura os dereitos democráticos, como deputadas e deputados do BNG, para desenvolvermos o noso traballo conforme o Regulamento do Parlamento.

Unha nova proba da nula vontade dialogante do PP e da incapacidade para se converter en verdadeiro axente normalizador do galego entre a sociedade galega, acatando o ideario da extrema dereita.

E mentres, celebran protocolariamente os 40 anos do Estatuto de Autonomía que, no seu artigo 5, nomeou o galego como lingua propia e oficial, responsabilizando os poderes públicos de Galiza da potenciación do emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

E mentres, celebran rutinariamente o centenario do Grupo Nós, quen teimou en colocar o noso idioma como proa do desexo colectivo de superación e da orgullosa satisfacción de sermos galegos.

E mentres, a esperanza do futuro do galego segue viva na conciencia social, nas raiolas de cada risco de luz das máis de 33.000 persoas que demandan que as nosas crianzas teñan unha maior exposición ao galego.

Comentarios