Opinión

325 anos luz

Non consigo imaxinar como sería o día a día galego hai 325 anos. Apenas consigo aproximar, e sei que nunca coa suficiente pel, grazas ás lecturas que despexan o camiño bretemoso con cadansúa raiola.

Hanse preguntar o porqué desa cifra aparentemente redonda: 325 anos. E, sobre todo, que ten a ver con este 2020 que camiña entre turbulencias extemporáneas e esperanzas solleiras.

Non hai razón en ningún tipo de nostalxia melancólica nin na vontade de cuestionar aquilo de que calquera tempo pasado foi mellor, non.

Apenas se trata de rememorar a data de nacemento de Frei Martín Sarmiento, erudito galego, autor dunha obra ensaística que amosa, no tránsito dos séculos escuros cara á Ilustración galega, unha fonda implicación co seu tempo. Un lúcido ilustrado que adicou boa parte da súa vida de retiro como monxe beneditino a reflexionar e anotar en varios miles de pregos algún dos piares en que nos sustentar aínda 325 anos despois.

A defensa do predominio da razón, a práctica dun coñecemento epistemolóxico da realidade, a defensa dos sectores produtivos tradicionais, xunto coa transformación industrial e comercial sen monopolios; a crítica a aqueles factores que desde tempos pretéritos conducen o noso país á súa submisión; a asunción dun papel concienciador para co idioma propio do país, como fonte primaria de coñecemento, e a crítica á política educativa españolizadora e desterradora da identidade galega, concédenlle ao seu pensamento e actuación discursiva un valor iniciador fundamental que preparará o camiño cara ao renacemento literario e cultural que se xestará a partir do século XIX.

Recentemente, o concello de Ribeira acatou o mandado da Lei de normalización lingüística de 1981 a respecto da transcrición do seu topónimo oficial. Benvido ao cumprimento da lei 39 anos despois, malia teren transcorridos xa a toda velocidade 325 anos luz.

Comentarios