Opinión

#12dexullo

Hai catro anos unha preadolescente díxome, sorprendida, que cando escoitaba falar a Ana Pontón comprendía o que dicía e ademais tiña razón.

Aínda reafirmaba. Ana era unha muller que falaba dos problemas da xente recoñecíbel na vida común e sempre propuña alternativas. Non falaba por falar. E se niso consistía a política, entón gustáballe a política e mais Ana.

Disimulei a miña sorpresa de madurez e asentín con ilusión adolescente compartida. Naquela altura souben que o bo estaba por vir para este Nós colectivo que leva tanto tempo a sementar na construción do Pobo.

A Terra precisa mans novas e agora é a mocidade, motor dos cambios no presente para trazar un novo futuro, quen maioritariamente quere ser voz e apoio social do BNG que representa Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta de Galiza o 12 de xullo.

Rosalía de Castro xa alentaba a boa ventura:

¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atruxaremos—cantaremos o ala... lá...!!!

Canda a mocidade, tamén as mulleres camiñamos á fronte para arroupar un soño cada vez máis real, conscientes da necesidade de avanzarmos nesa igualdade que beneficia o plural desde a responsabilidade da acción política.

As mulleres que en conciencia lle dixemos a Feijóo Nunca Máis ao peche do paritorio de Verín. As mulleres que non toleramos a impertinencia bandoleira daquel ex abrupto machista no Parlamento: “A señora Pontón está moi necesitada”. Nin tampouco esquecemos a campaña de cousificación das mulleres como xigantes entre monumentos patrimoniais.

Porque as mulleres non esquecemos que, se for preciso, o PP de Feijóo e mais o Feijóo do PP (non hai campaña posíbel que os confunda), pactaría cun partido fascista e misóxino, apelo a nos sumar a facer historia acompañando o paso firme, valente e comprometido de Ana Pontón cun voto de ilusión e esperanza, de reto e confianza cara a un #EuTaménCon AnaNavegar!

Comentarios