Opinión

Escravitude e emigración? Non, grazas

Non fai falla tirar de moitos datos para coñecer un dos dramas máis agudos da realidade galega, basta con saír á rúa e abrir os ollos para comprender que o noso país está a sufrir unha auténtica sangría poboacional. 

Non fai falla tirar de moitos datos para coñecer un dos dramas máis agudos da realidade galega, basta con saír á rúa e abrir os ollos para comprender que o noso país está a sufrir unha auténtica sangría poboacional. Para visualizármolo de forma máis directa, imaxinemos que un autobús marcha cada día ao estranxeiro cargado de mozas e mozos, ou o que é o mesmo, que 77 persoas de entre 20 e 34 anos abandonan o país diariamente. Esta idea visual, coa que en Galiza Nova estamos a denunciar o éxodo xuvenil da nosa poboación, pretende pór a atención nun feito como a emigración da mocidade, pero tamén identificar os factores que a producen. Por que milleiros de mozas e mozos cada día collen a equipaxe e dispóñense a refacer unha vida fóra da propia terra? Fica claro que a causa se atopa na inexistencia de postos de traballo, si, pero está tamén nas restricións coas que Madrid e Europa impiden a Galiza desde producir até decidir sobre si mesma para poder, por exemplo, dirixir a economía e recursos do noso territorio á creación de emprego. 

"Imaxinemos que un autobús marcha cada día ao estranxeiro cargado de mozas e mozos, ou o que é o mesmo, que 77 persoas de entre 20 e 34 anos abandonan o país diariamente"

As posibilidades de acceder a un posto laboral ben poderían ser o story line para un filme de ciencia ficción, debido ao pouco emprego que existe; mais o que si é unha película real é que esas poucas oportunidades laborais para a xente moza son baixo un auténtico réxime de explotación e escravitude, froito das sucesivas reformas laborais do PPSOE, que nos baleiraron dos poucos dereitos que nos quedaban, e froito tamén das medidas como a estratexia de emprego e emprendemento xoven de Rajoy que non fan outra cousa que estender e consolidar o carácter temporal dos postos de traballo, con exencións e descontos na fiscalidade para as empresas que contraten mozas e mozos por horas, todo aderezado con salarios de miseria e man de obra escrava eufemisticamente denominada como contratos en prácticas (para case toda a vida!!).

Máis explotación da mocidade, máis lucro para o capital.

"A miseria da mocidade, é fonte de riqueza dos oligopolios que man a man con Madrid e Bruxelas dirixen este ataque á mocidade galega. Pero cómpre espertar, acabarlles co conto, por que non queremos nin máis escravitude nin emigración"

Aliás,os oligopolios e os grandes empresarios españois continúan a aumentar as súas ganancias. Como informou Sermos Galiza, as 30 familias máis ricas do Estado español atesouran máis de 32.000 millóns de euros, ou o que é o mesmo, catro veces os orzamentos públicos da Xunta de Galiza para 2014.
Grandes riquezas, á fronte das que se sitúan tiranos como o dono de Mercadona ou Inditex, recoñecidos pola explotación que padecen as e os traballadoras/es das súas empresas (principalmente xente moza), os salarios de miseria, as longas xornadas laborais... Imperios como Inditex tamén  recoñecidos internacionalmente polas denuncias de basearse en talleres clandestinos na Galiza e actualmente en Áfirca ou en Asia, onde continuamente se denuncia o recrutamento de nenos e nenas para elaborar prendas en réxime de semiescravitude. 

Así é, a nosa explotación, a miseria da mocidade, é fonte de riqueza dos oligopolios que man a man con Madrid e Bruxelas dirixen este ataque á mocidade galega. Pero cómpre espertar, acabarlles co conto, por que non queremos nin máis escravitude nin emigración, que saiban que na Galiza as mozas e mozos tamén esiximos os nosos dereitos!

Comentarios