Opinión

A vía galega para Santiago

A incapacidade dos partidos políticos que practicamente monopolizaron o poder no sistema xurdido na Transición

A incapacidade dos partidos políticos que practicamente monopolizaron o poder no sistema xurdido na Transición, á hora de solucionar os problemas da cidadanía, provocou que agromasen diversas fórmulas que se arrogan conceptos como a “terceira vía” (UPyD, Ciudadanos) ou representaren a “unidade popular” (Podemos). Trátase de partidos que teñen en común buscar o seu crecemento no descontento popular e en situar o seu centro de decisión fóra de Galicia, ora en Madrid (Podemos, UPyD) ora en Barcelona (Ciudadanos).

O primeiro en xurdir foi UPyD, forza en claro proceso de desaparición que baseou o seu ascenso na figura da súa presidenta e no apoio dos medios de comunicación madrileños máis conservadores. Seguramente Ciudadanos conclúa de xeito similar. Esta é unha organización tamén de corte caudillista, apenas coñecida pola imaxe do seu líder, pero que se aliou en eleccións europeas con forzas de extrema dereita como Libertas. Porque Ciudadanos (partido que no seu nome exclusivamente masculino xa expresa o seu carácter patriarcal) é unha organización situada na dereita pura, nacida en Cataluña, que defende abertamente frear a construción do AVE galego para financiar o desenvolvemento da industria catalá, subir un imposto tan inxusto como é o IVE ou tratar a inmigración como se fose unha mercadoría. O seu programa está máis próximo a forzas reaccionarias e xenófobas como a Lega Nord italiana que ao partido liberal europeo que din representar.    

Pola outra banda, encóntrase o fenómeno Podemos, organización que semella non ser capaz de fixar a súa posición ideolóxica, cun liderado centralizado nun grupo de estrategas madrileños e que dificilmente pode representar unha alternativa de goberno, como demostra a súa incapacidade á hora de fixar unha posición, por exemplo, para a votación da investidura no parlamento andaluz. Alén disto, non considero que o feito de que unha persoa estivese previamente afiliada a un partido político a inhabilite para traballar ao servizo da sociedade. En Compromiso por Galicia moitas mulleres e homes pertencemos con anterioridade a outras formacións, pero podemos dicir con orgullo que o fixemos con honradez e sempre na busca no ben común. Non lle preguntamos a ninguén de onde vén senón a onde quere ir. E isto é precisamente o que non acaban de explicar partidos como Podemos.

 Ningunha forza que teña a súa sede en Madrid nin en Barcelona pode ser a solución aos nosos problemas

Para darlle unha saída aos problemas reais da cidadanía non me gusta falar de terceiras nin de cuartas nin de quintas vías, senón da vía real para conseguir o progreso e o benestar sobre todo da xente que ten máis dificultades para conseguilo. Esta vía na que acreditamos en Compromiso por Galicia pasa pola asunción das políticas que fixeron que países como Suecia, Holanda ou Dinamarca sexan auténticos referentes en progreso e en benestar, recoñecendo a existencia dun libre mercado pero non deixándoo operar salvaxemente, a costa dos dereitos da maioría da poboación, senón imprimíndolle accións de goberno de corte social que procuren unha mellor distribución da riqueza. Porque o noso compromiso con Galicia e con Santiago ten que estar primeiro fundamentado nun compromiso co ser humano, nos dereitos e nas liberdades de cada muller e home que compón a nosa sociedade. Non podemos conformarnos con vivir ben mentres haxa arredor de nós xente desempregada, mocidade que non pode pagar os seus estudos ou mulleres discriminadas polo simple feito de selo. 

E esa vía ten que ser galega. Ningunha forza que teña a súa sede en Madrid nin en Barcelona pode ser a solución aos nosos problemas. Somos un país cun capital humano fabuloso pero que non se pode realizar profesionalmente aquí. Somos un pobo que pode facer grandes cousas cando se xunta. Para que Santiago e Galicia avancen tan só é necesario que haxa unha forza que se limite a deixar que da nosa sociedade saia o mellor, simplemente iso, non que se arrogue a posesión de fórmulas máxicas que transformen a nosa terra nun paraíso. E creo firmemente que esa forza existe e que se chama Compromiso por Galicia. Por iso estou orgulloso de pertencer a ela e de apoiar o seu magnífico candidato para a alcaldía de Santiago de Compostela, Xosé Antón López.

Comentarios