Opinión

O que o 24M nos deixou en Santiago, e o que levou

O pasado 24 de maio celebráronse as eleccións municipais máis diversas e plurais da historia.

O pasado 24 de maio celebráronse as eleccións municipais máis diversas e plurais da historia. Ou, quizais, o que aconteceu foi simplemente que a transición chegou ao noso concello e ao noso país.

En Santiago de Compostela concorrían oito candidaturas se ben, a priori, as enquisas so lles daban posibilidades reais a cinco das mesmas. Ditas sondaxes resultaron ser máis un produto precociñado no que a principal consigna clara e diáfana era apoiar a quen paga e a quen manda -nada novo- e recoñecer un cambio de tendencia sen que parecese tendencioso.

Os datos parecen indicar que @s que se abstiveron en maior medida foron supostamente @s votantes da dereita. Tal vez ese prototipo de simpatizante incondicional do Partido Popular vaia sendo cada vez menor na nosa pirámide de poboación, pois as novas xeracións, máis acostumadas á democracia, exerceron o seu dereito con menos prexuízos que os seus maiores. “O voto zombie” mingua, ao mesmo ritmo que a longa e escura sombra da ditadura vai pasando páxina lenta e inexorablemente. Evidentemente o PP tamén sufriu un voto de castigo de xentes que, entendendo a opción de voto ao PP como primaria e preferible, non son quen de consentir o esperpento político do último mandato en Compostela, onde os plenos deberían terse feito nos xulgados das Fontiñas por aquilo de acadar economías de escala e abaratar custes fixos.

O fenómeno Martiño, coma todos os fenómenos, hai que analizalo no momento temporal no que se produce

Moi posiblemente o actual rexedor en funcións non fose acreedor do castigo político e da perda dos catro concelleiros do PP pero, a bo seguro, tod@s somos cómplices dos actos no partido no que militamos e nosa é, en última medida, a connivencia ou non con formas e maneiras pouco acordes coa boa praxe política.

Pouco despois de pechárense os colexios electorais, nunca televisión local, tiven xa a ocasión de dar unha opinión sobre os datos que o escrutinio ía deixando albiscar e no que xa parecía que a única novidade que nos podía deparar a noite sería se, ao final, @s dez concelleir@s recaerían en Compostela Aberta e nove no PP ou viceversa, e se Ciudadanos sería quen de chegar ao cinco por cento que a lei esixe, conseguindo así o seu primeiro concelleiro en Raxoi.

Ao final Ciudadanos non acadou ter presenza, deixando orfo o PP seus postulados democristianos no Pazo de Raxoi, confirmándose a entrada trunfal do ex-rexedor teense en Compostela, aglutinando na súa persoa (máis que nas súas siglas) un resultado ao parecer moito mellor do que os propios inquéritos dalgúns partidos manexaban ata o propio venres 22.

Os antigos e difíciles tempos do galeguismo tranquilo, social e económico parecen ser chegados tras oitenta anos de secuestro político e social

O fenómeno Martiño, coma todos os fenómenos, hai que analizalo no momento temporal no que se produce. Tivo todo de cara para a súa consecución: unha traxectoria persoal de éxito político no Concello de Teo, un declive do PP -amortiguado polo seu control dos Mass Media e pola súa situación de maioría absoluta tanto en Galicia como no resto do Estado- e unha fuxida valente e cara diante do PSdeG pero que podería ter tido visos de credibilidade hai catro anos, mais non agora.

O BNG, pola súa parte, sufriu nas súas propias carnes o efecto Noriega, perdendo como se da parábola dos talentos se tratase, na sua proporcionalidade xusta, un dos tres concelleiros que tiña.

E o outro novo partido en liza, e sexto por número de votos, foi Compromiso por Galicia, a cuxa candidatura tiven a honra de pertencer. Se ben nunca entramos nas quinielas oficiais (máis por molestia a terceiros que por datos a pé de rúa) logramos ascender nun 240% o número de votos no noso Concello. Isto é tamén un dato indicativo de que non só chegaron novos tempos, senón de que os antigos e difíciles tempos do galeguismo tranquilo, social e económico parecen ser chegados tras oitenta anos de secuestro político e social.

Longa vida á diversidade e a pluralidade, pois a vida é negociación e concesión.

Comentarios