Opinión

Xacobinos na Catalunya Nord

Moitas veces escoitamos aos especialistas na historia de Francia que a estrutura e organización política do Estado francés sería moi diferente se na pugna entre xacobinos e xirondinos se impuxesen os segundos, sendo como eran partidarios dunha Francia federal, e non os primeiros, centralistas acérrimos. Así pasou aos dicionarios o termo xacobino, que se emprega para denominar a corrente política que defende a estrutura estatal centralizada e antiautonomista.

O Tribunal Administrativo de Montpellier resolveu que non se debe falar en catalán e logo traducilo ao francés nos plenos dos concellos da Catalunya Nord, porque, se se quere empregar o catalán, primeiro hai que empregar o francés, e logo traducilo ao catalán. Os argumentos empregados son grosos, expresados con palabras graves, ao máis puro estilo xacobino: trátase dunha práctica contraria á Constitución francesa, supón relegar o francés a un segundo plano...

Segundo a Constitución española é discriminatorio pedir o coñecemento do éuscaro a quen quere traballar nunha institución pública

No noso país, nos últimos meses o euskara vai e vén dun tribunal a outro, nunca no seu favor. Algúns sindicatos e particulares están a denunciar nos xulgados as convocatorias para a selección de persoal das institucións públicas, e os nosos xacobinos xuíces, que mellor estarían na delegación que o Instituto Cervantes debería abrir en Siberia, están a anular as convocatorias, con argumentos ás veces ridículos. Segundo a Constitución española é discriminatorio pedir o coñecemento do éuscaro a quen quere traballar nunha institución pública.

Mentres non gocemos dun autogoberno pleno, teremos que sufrir moitos casos parecidos. O que non conseguen mediante os votos, quéreno conseguir a través dos xuíces.

Os cargos electos que hoxe en día usan o catalán nos plenos dos concellos da Catalunya Nord deberán agradecer non vivir de primeira man aquelas duras loitas que enfrontaron a ambos os grupos en 1793. De non ser así, as súas cabezas terían acabado nos cestos colocados baixo a guillotina, pois ese foi o trato que os xacobinos deron aos xirondinos.

Comentarios