Opinión

Vivimos o misterio

A man de bronce que atopou a sociedade Aranzadi nas escavacións do val de Aranguren, en Navarra, tívonos entretidos, e rebosantes de alegría, claro. Na man, os expertos interpretaron unha palabra que no éuscaro actual leríase sorioneku, escrita nunha grafía pertencente á lingua vascónica. Polo momento non lograron comprender o significado do resto das palabras que forman parte da inscrición.

Cando fóra do noso país nos preguntan cal é a orixe do éuscaro, gran parte dos euscaldúns, sen disimular o orgullo que sentimos polo misterio que xera esa dúbida, contestamos que non se pode saber e, xa postos a mostrar orgullo, que nunca se chegará a saber. O que é peor, dános a risa cando nos din que unha investigación de certa universidade relacionou o éuscaro coa lingua de tal ou cal sitio. Non queremos ter parentescos na árbore lingüística; a nosa planta é pequena, pero é só nosa.

É moi común que existan ese tipo de actitudes en países e linguas pequenas, e que creamos que o que nos quita o tamaño daránolo o misterio. É comprensíbel, se se trata dunha reacción á opresión. O problema vén cando a unha crenza se lle outorga a categoría de ciencia, cando se dá por verdadeiro algo que a ciencia non pode demostrar. É dicir, cando é unha cuestión de fe.

Non queremos ter parentescos na árbore lingüística; a nosa planta é pequena, pero é só nosa

É inútil tratar de ocultar que o achado de Irulegi ten unha lectura política, a que lle dá o feito de que fose atopado en Navarra. É unha alegría para os amantes do éuscara, que queremos que o éuscaro sexa oficial en toda Navarra, e é motivo de preocupación para quen en marzo de 2007se botaron á rúa co slogan 'Navarra non é negociábel'. Ou o que é máis grave, para quen quere que nas convocatorias de emprego público se dea unha maior puntuación ao alemán ou ao inglés que ao éuscaro.

Todo apunta a que a man de Irulegi se converterá no novo símbolo dos amantes do éuscara, e que a veremos en todos os formatos e en todas as funcións que podamos imaxinar. Gozar de todo o que implica o achado, porque tamén as comunidades pequenas temos dereito a ter momentos de alegría coma este.

Que perdure o misterio.

Comentarios