Opinión

Unha vitoria parcial da Polisario

Xa ía sendo hora de que a Fronte Polisario recibise por fin unha boa noticia, porque certamente é unha boa noticia, moi boa, tendo en conta a precaria situación na que se atopa o pobo saharauí. E a noticia chegou desde Europa a ese pobo cuxo territorio está dividido en tres partes —o Aiún ocupado, os campamentos de Tinduf e o exilio—. Esta semana, o Tribunal Xeral da Unión Europea ditou unha resolución a favor da Polisario, na que deixa ben claro, para quen queira entendelo, que hai que revogar o acordo asinado polo grupo comunitario da Unión Europea e Marrocos que permite a pesca libre nas augas do Sahara, como se ditas augas fosen propiedade de Marrocos. O motivo? Que os voitres mariños que asinaron o pacto non tiveron en conta a opinión dos saharauís, pois sabían perfectamente que a Fronte Polisario non accedería xamais a tal acordo. 

É sabido que os saharauís que desexan que o Sahara sexa un territorio libre se mostraron moi críticos con ese acordo colonial, pois iso é precisamente o que fixo España ao asinar o acordo: transferir a Marrocos unha colonia que no seu día estaba nas súas mans, incluíndo toda a súa riqueza marítima e terrestre. Se alguén tivese algunha dúbida respecto a a conduta de España, que lea a declaración que o ministro de Exteriores marroquí Naser Burita e o alto diplomático da Unión Europea e socialista español Josep Borrell publicaron conxuntamente sen ruborizarse o máis mínimo. Son conscientes de que a resolución do tribunal europeo non é do todo executiva, e, por tanto, eses depredadores que aínda teñen permiso para seguir pescando até que a decisión sexa definitiva declararon sen ningún problema que van seguir pescando en augas alleas. 

O alcance da decisión do tribunal está aínda por aclarar, así como a dúbida de se a decisión outorgará á fronte Polisario unha posición diplomática máis firme. Sexa como for, os sempre esquecidos pola diplomacia internacional tomaron osíxeno, xa que é a Marrocos a quen a resolución prexudica, se é que prexudica a alguén. E é que o pobo saharauí non pode vencer Marrocos mediante a forza; pola contra, a diplomacia e a solidariedade internacional son xa as únicas ferramentas que quedan.

Comentarios