Opinión

O valor dos alumnos ante o 'brevet'

Os alumnos de Ipar Euskal Herria que estudan en euskera, así como os seus pais e docentes, levan anos loitando polo dereito a poder facer na súa lingua os exames xerais impostos polo sistema educativo francés. Pasan os anos, e os xacobinos sempre atopan algunha escusa. Pero os alumnos non se renden, pois están seguros de que algún día conseguirán facer esas dúas probas en euskera.

Son dous exames: o primeiro, chamado brevet, deben superalo os alumnos de 14-15 años; ao segundo, o chamado bac, deben enfrontarse todos aqueles que queiran cursar estudos superiores. En 2019 quedou de manifiesto que a actitude do goberno francés roza a obsesión. Os alumnos vascofalantes responderon en euskera as preguntas formuladas en francés no brevet. Entre os correctores de anos anteriores houbo docentes que sabían euskera e que, nun xesto de solidariedade, deron por bos aqueles exames.

Hai tres anos, co obxectivo de que nada semellante volvese acontecer, os encargados de educación enviaron a Burdeos os exames realizados en euskera, para ficaren en mans de correctores franceses.Este ano, como nos anteriores, os profesores de Seaska negáronse a corrixir os exames, argumentando que aos alumnos se lles impediu responder en euskera. Seaska é a asociación de ikastolas de Ipar Euskal Herria, creada en 1969; na actualidade fórmana 37 escolas, e o seu número vai medrando ano a ano, especialmente en educación primaria.

Os gobernos de París xamais dan un paso por boa vontade; os axentes educativos vense continuamente abocados a loitar, e todo o que conseguiron até o de agora conseguírono mediante mobilizacións e protestas. Os alumnos —desde cativos—, os seus docentes e os seus pais están xa curtidos como consecuencia desa loita constante.

Por iso resulta tan estimulante observar o valor co que eses alumnos de 14 e 15 anos, en idade de enfrontarse ao brevet, fan pancartas, camisolas e calquera cousa que lles sirva para difundir a súa reivindicación.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios