Opinión

Txillardegi atragóaselles

Oconto de nunca acabar, a iso estase parecendo a obstinación que mostran as dúas principais institucións de Gipuzkoa, a Deputación Foral e o Concello de Donostia, ao negarlle o recoñecemento público a Txillardegi. Ti, Vicent, e moitos dos vosos lectores -unha das poucas vantaxes da idade- xa coñecedes a Txillardegi. De maneira que, como di a canción, voume permitir a licenza de explicar aos lectores dos vosos xornais que está a ocorrer.

Txillardegi foi un dos fundadores de ETA, alá polos anos 1959-1960. Aquela organización que fundaron Txillardegi e outros, Euskadi eta Askatasuna (ETA, Euskadi e Liberdade), non era, digámolo de novo ben alto, unha organización que practicase a loita armada.
ETA foi unha organización abertzale que se erixiu en contra do réxime que impuxo pola forza o ditador Franco, e os seus principais conceptos foron o pobo, o éuscara, a cultura vasca, a liberdade, a represión… Os cursos de formación que impartiron os primeiros anos baseábanse nuns escritos de Sabino Arana, fundador de EAJ en 1895. Txillardegi abandonou ETA en 1967, un ano antes de que a organización matase por primeira vez. ETA comezou a matar a partir de 1968, non durante a época na que Txillardegi foi membro desa organización.

Estes últimos anos houbo moitas iniciativas para que o Concello de Donostia poña o nome de Txillardegi á Biblioteca Municipal, iniciativas todas elas apoiadas por quen mostra apego polo éuscara, escritores, xente do ámbito da cultura. EAJ, PSE, PP, Podemos… renunciaron a aceptar esa proposición, argumentando que  Txillardegi foi "un dos fundadores dunha organización terrorista", fundamentándose nunha mentira que quebranta a historia. Se resulta que alguén crea un banco e despois duns cantos anos, cando o fundador xa non forma parte del, ese banco comete unha fraude contra a súa clientela, non poderiamos dicir que esa persoa creou un banco fraudulento. Sería mentira.

A pasada cuarta feira as Xuntas Xerais de Gipuzkoa negáronlle a Placa de Ouro a Txillardegi, reiterando os argumentos que mencionamos antes. E o que é peor, analizarán unha vez máis o que negaron tantas veces: a idoneidade democrática de Txillardegi para merecer ese galardón. Unha demora que non serve para nada.

Comentarios