Opinión

Torturas e o xuíz de instrución

Xa leva once. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou once veces o Reino de España, que así se chama oficialmente, en relación co conflito vasco das últimas décadas, por non investigar as denuncias de tortura dos detidos vascos coas garantías que dita a lei. Cónstame, Vicent, que en Catalunya tamén tedes casos similares, e non sei, María, se na Galiza experimentastes algo parecido.

Recordo como moitos, cando chegaron as primeiras dúas ou tres sentenzas condenatorias, pensamos que, unha vez recibidas as condenas do devandito tribunal europeo, a tortura iría desaparecendo do panorama político do noso país; non dun día para outro, pero si aos poucos, porque para o Goberno de España sería inaceptábel ter que enfrontarse a semellante bochorno en Europa.

A maioría dos partidos, grupos sociais e a maior parte dos medios miraron para outro lado ante as denuncias de tortura

Non foi así, pois en España –en Euskal Herria non andamos moito mellor–, debido a que non se toma moi en serio a práctica das torturas, moi pouca xente vai recriminar dita práctica aos gobernos. A maioría dos partidos políticos, moitos grupos sociais e a maior parte dos medios miraron para outro lado cando saíron á luz denuncias de tortura. Renunciaron a promover a protesta social contra esas prácticas, non quixeron incluír a tortura nas súas axendas políticas. Por tanto, politicamente, aos gobernos saíulles moi barato torturar. 

O caso do ministro de Interior español Fernando Grande-Marlaska rompe todos os récords. Das once condenas mencionadas anteriormente, ten unha estreita relación con seis delas, que se corresponden á época na que foi maxistrado de instrución na Audiencia Nacional.

Os policías que estaban baixo a súa responsabilidade levábanlle os detidos con indicios de tortura, e o actual ministro facíase o xordo, o cego e o mudo, en lugar de prohibir taxativamente ditas prácticas aos policías. Deberían, polo menos, trasladar esas denuncias ao xulgado de garda, para que fosen investigadas. A responsabilidade penal das torturas realizadas por policías ás ordes dun maxistrado non debería ser só deses axentes; ten que ir máis aló, ten que chegar tamén ao maxistrado de instrución responsábel deses policías.

Comentarios