Opinión

Soberanía cotiá

Mentres Biden e Putin nos queren entreter coa súa aposta de carneiros, tan va como aparente, vin en Vilaweb, Vicent, que en Catalunya púxose en marcha unha interesante iniciativa, que vos pode dar certo ánimo nese impasse no que vivides: municipios de Catalunya a favor da soberanía fiscal. Ata o momento, reuníronse 30 municipios; Vic, entre outros, aínda que os demais son moito máis pequenos.

Alguén podería pensar que 30 municipios son poucos, tendo en conta que en Catalunya hai 950. Eran aínda menos, porque houbo só un, en setembro de 2009, cando organizaron o primeiro referendo sobre a independencia, en  Arenys de Munt; con todo, durante os meses posteriores, organizáronse referendos noutros 549 municipios. En todo hai un primeiro paso, e todos lembramos iniciativas que alcanzaron moito éxito, aínda que nun principio partiron da proposta duns cuantos tolos. E é que, con frecuencia, eses tolos son quen cambia e melloran o mundo.

Eses municipios propoñen agora pagar á Axencia Tributaria de Catalunya os impostos municipais de Catalunya, debido a que cren que é o Goberno de Catalunya a única institución lexítima para xestionar eses impostos. Sen esperar a ver que fan os dirixentes políticos partidarios da independencia, os responsábeis deses municipios decidiron moverse nese terreo que tamén lles compete: se o diñeiro procedente dos impostos queda en Catalunya, as facendas municipais contarán con máis diñeiro.

Eses municipios reivindican tanto a soberanía fiscal como a soberanía enerxética, para, segundo manifestaron, "deter os abusos que as oligarquías enerxéticas han cometido contra a cidadanía".

Esa última reivindicación, María, condúceme ao voso xornal, Nós Diario, posto que a noticia que lin nel foi moi esclarecedora, a saber: que as empresas eólicas que traballan na Galiza pagan uns alugueiros insignificantes aos propietarios das terras, a pesar de que as súas ganancias son moi cuantiosas.

Xa é hora de que os municipios ofrezan alternativas á cuestión da enerxía. Ao ser as entidades máis próximas á cidadanía, teñen moito traballo que facer para avanzar nese ámbito que o ex dirixente sindical Jose Elorrieta denomina como "soberanía cotiá".

Comentarios