Opinión

As seleccións españolas nos nosos países

Fai uns cantos anos, en pleno debate sobre se a selección española masculina de fútbol debía xogar no estadio San Mamés, en Bilbao, o deputado xeral de Bizkaia José Luis Bilbao, do PNV, dixo que el só iría a San Mamés ver o conxunto español cando este xogase un partido oficial contra a selección de Euskal Herria. Chovéronlle as críticas tanto entre os seus compañeiros de partido —de feito, o primeiro en criticalo foi o entón alcalde de Bilbao Iñaki Azkuna—, como entre os grandes representantes do sector hostaleiro.

Sempre me pareceu interesante analizar o que ocorreu durante moitos anos, é dicir, que a selección española non xogase nin en Catalunya nin na Galiza. María, na hemeroteca dun xornal do teu país lin que a selección española xogou na Galiza por primeira vez en 2009, pasados xa 89 anos desde a creación do equipo. España volverá xogar no voso país cara a finais de marzo, contra Islandia.
A cuestión está en dar que falar tamén en Catalunya, xa que a selección española enfrontarase a Albania no campo do Espanyol, xusto tres días antes do encontro na Galiza. Hai case 20 anos, 18 concretamente, que a selección non xoga en Catalunya. Dous partidos en tres días: un na Galiza e o outro en Catalunya... Non hai que facer un grande esforzo para decatarse de que puxeron en marcha toda unha estratexia. O seguinte partido xogarase en Euskal Herria?

Falamos varias veces do importante que é ocupar as institucións, incluso aquelas nas que non se fai a gran política

E se alguén ten algunha dúbida, disiparáselle nada máis ler o que dixo Joan Soteras, o presidente da Federación Catalá de Fútbol, sobre o encontro de marzo, nunha entrevista de radio concedida a terza feira: "O Espanyol fixo a solicitude hai dous anos, pero naquel entón a situación non era a adecuada; agora si, todos estamos máis tranquilos coa cuestión política e debemos empezar a normalizar a situación". Cando tomou impulso, engadiu: "Empezaremos cun partido non oficial e acabaremos celebrando partidos oficiais". Deixou esta perla para o final: "O Camp Nou é un lugar inigualábel para un partido da selección".

Falamos varias veces do importante que é ocupar as institucións, incluso aquelas nas que non se fai a gran política.

Comentarios