Opinión

O Sáhara, en punto morto

"Europa non se atopa en situación de enfrontarse a dous conflitos á vez, Ucraína ao leste e o Sáhara ao sur". Estes días lin máis dunha vez esa frase de exculpación que pretende dalgunha maneira xustificar a decisión de Pedro Sánchez de deixar o Sáhara completamente en mans de Marrocos, cunha falsa autonomía.

Dita decisión provocou unha gran indignación en moitos sectores de España e dos nosos tres países, posto que a solidariedade cara ao pobo saharauí entre a poboación de máis de certa idade vén de lonxe. As e os saharauís levan anos querendo librarse da bota que lles puxo sobre a cabeza Marrocos en 1975. España, ao non facerse cargo da descolonización, deixou unha fenda aberta para que o rei ditador marroquí Hassan II se apropiase do Sáhara.

O Sáhara leva anos en punto morto, e o peor é que o representante do pobo saharauí, a Fronte Polisario, antes contaba cun maior apoio e máis axuda internacional, mesmo militar. A ONU –tal como fixo en casos anteriores, por desgraza– demostrou que ten pouca autoridade e operatividade para facer cumprir a Marrocos as decisións da organización.

A Fronte Polisario é consciente de que no campo militar non ten nada que facer contra o exército marroquí, xa que Marrocos reforzou moito o seu exército nos últimos anos, mentres que o Polisario apenas o fixo. Os portavoces do Polisario comunicaron máis dunha vez que as xeracións novas exercen unha gran presión para que se retome a loita, e que aos responsábeis élles cada vez máis complicado dar argumentos esperanzadores á mocidade.

Marrocos conta con fortes aliados –Estados Unidos e Francia–, e realizou un gran traballo diplomático co fin de forxar novas amizades. Leva anos convidando ao Sáhara ocupado aos diplomáticos deses novos estados aliados, e así logrou que 24 estados abran consulados no Sáhara.

As nenas e nenos que nas últimas décadas foron acollidos no verán por familias solidarias dos nosos países merecen outro modo de vida, nun Sáhara que sexa dono de si mesmo.

Comentarios