Opinión

Ruído de sabres ou bomba de fume?

D os maiores que nós aprendemos que eran tres os poderes fácticos clásicos que mandaban na sociedade da nosa contorna: a Igrexa católica, o exército e os bancos. Téñovos que confesar, María e Vicent, que son conceptos que usamos cada vez menos, aínda que noutras épocas os nomeásemos continuamente. Todo ocorría porque así o decidían os poderes fácticos locais —eses tres que nomeei antes—, e as decisións transcendentais que afectaban o mundo enteiro adoptábaas unha organización secreta chamada a Trilateral.  

Non poño en dúbida que eses tres poderes fácticos aquí mandaron moito nas últimas décadas, que condicionaron moito a educación, a economía, as relacións sociais, os dereitos individuais e nacionais... E agora? Seguen mandando os tres coa mesma forza que antes? As igrexas católicas están a fecharse en moitos pobos, os bancos están a fusionarse para sobrevivir, porque os seus beneficios son cada vez máis pequenos. E os militares? A teor do visto esta última semana en España, deberiamos afirmar que se atopan moi activos e efectivos, pero non creo que sexa así. É innegábel que suscitaron polémica, que marcaron a axenda política durante unha semana, e que provocaron que moitos cidadáns e cidadás dirixisen a mirada cara ás peores épocas. Pero hoxe en día en España os militares están lonxe de ser un poder fáctico. Eses militares retirados que criticaron a composición do Goberno e que quixeron avisar de que a unidade de España corre perigo son un verdadeiro poder?

E se alguén quere aproveitar esas bombas de fume dos militares para que se produza outro retroceso

Alguén nos recomendará, e non lle faltará razón, que non nos fixemos neses militares retirados, senón en quen, estando en activo, están a aproveitarse da iniciativa duns militares retirados para así pasar o aviso. Os militares españois andan moi tranquilos as últimas décadas, a excepción do período do proces catalán, porque non tiveron ningún motivo, porque non lles demos ningún motivo, para desestabilizar e condicionar a situación mediante o ruído de sabres.

E se alguén quere aproveitar esas bombas de fume dos militares para que se produza outro retroceso? Unha LOAPA bis?

Comentarios