Opinión

O rei que roubou o trono ao seu pai

Como aparecen cada inverno as angulas na nosa costa, así aparece todos os 23 de febreiro na nosa axenda informativa o conto do 23-F, sempre cheo de palabras e declaracións solemnes. Aproveitando o aniversario do pseudo golpe de estado ao que o tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero prestou o seu rostro, limpan a cara a Juan Carlos de Borbón, a pesar de que este ano tiñan moi difícil dicir nada favorábel. Dálles igual: usan un deterxente cada vez máis forte. Que salvou a democracia, que grazas ao seu esforzo non vivimos aínda nunha ditadura, que se comportou como un home de estado... todo iso repiten ano tras ano. Supoñamos que se tratou dun verdadeiro golpe de estado: que tería feito o Borbón se os capitáns xerais dos catro rexións militares se adheriran ao golpe? Sendo tan demócrata, teríalles feito fronte, tería fuxido de España deixando claro que estaba en contra do golpe, e non seguiría sendo rei na nova ditadura? O que fixo Juan Carlos de Borbón co seu pai foi o acto máis reprobábel que pode facer un rei: roubarlle o trono ao seu pai.

A responsabilidade do PSOE no mantemento da monarquía é histórica, porque tivo e ten nas súas mans que a coroa perdure ou que 
se inicie o camiño do cambio

É ben sabido que a relación entre o ditador Franco e Juan de Borbón, pai de Juan Carlos, era mala. Franco nunca quixo que Juan de Borbón fose rei de España, e ofreceu o trono ao fillo. Juan Carlos, en lugar de rexeitar a oferta, non tivo ningún reparo para cumprir o desexo do ditador e facerse coa coroa, a pesar de deixar sen o trono o seu pai Juan, lexítimo herdeiro da dinastía borbónica. Esa é a orixe de todo o que veu despois: caeu na conta de que ninguén lle poría ningún límite no futuro, xa que é difícil que un rei cometa algo máis reprobábel que iso. A responsabilidade do PSOE no mantemento da monarquía é histórica, porque tivo e ten nas súas mans que a coroa perdure ou que se inicie o camiño do cambio. Juan Carlos de Borbón deixou en moi mal lugar os esquerdistas que dicían non ser monárquicos mais si juancarlistas.

Comentarios