Opinión

Quen concedeu a quen a amnistía?

Preguntáronolo en máis dunha ocasión. “Cando derrogarán a Lei de Amnistía de 1997 en España?” A resposta era ben sinxela: “Cando non quede ninguén vivo que poida ir ao cárcere”. É entón cando anularán esa lei, e dirán que foi unha mágoa non tela derrogado antes, pero nolo dirán cando todos gocen da paz dos cemiterios.

Quen durante os últimos anos do franquismo tiveron unha gran responsabilidade penal, merecedora de ser xulgada e condenada, viviron comodamente, moi comodamente, durante estas últimas décadas. No que respecta á negociación dos orzamentos de España, ERC propuxo a petición de abolir esa lei, e coincidiu coa vontade manifestada a miúdo por todo tipo de persoas tanto de Catalunya como de fóra de Catalunya. Haberá que ver cal é a resposta do “goberno máis progresista que houbo na historia de España”.

“As leis pódense derrogar coa mesma facilidade coa que se ditan. Acaso non é iso o que fai un goberno cando non lle gusta unha lei do goberno anterior?”

Lembro como acostumaba responder o histórico dirixente do PSE-EE Ramón Jauregui en tales situacións, sen ruborizarse nin un ápice: “Non se pode xulgar a eses represores porque o impide a Lei de Amnistía de 1977”. Como se as leis foran eternas, inmodificábeis, indestrutíbeis... As leis pódense derrogar coa mesma facilidade coa que se ditan. Acaso non é iso o que fai un goberno cando non lle gusta unha lei do goberno anterior? Derrógaa ou, polo menos, modifícaa; tal e como parece que vai facer o Goberno de España coa lei mordaza e a Lei de Reforma Laboral...

Moitos políticos e xuristas de España miraron con frecuencia por enriba do ombro aos gobernos e sistemas de xustiza de Sudamérica, ao considerar que non gozan da suficiente calidade democrática. Eses españois con moitas ínfulas que miran altivamente teñen moito que aprender de canto se fixo estes últimos anos en México, Chile e, especialmente, en Arxentina. No país da prata xulgaron e condenaron a moitos dos responsábeis que instauraron a ditadura durante o período 1976-1983. O presidente Carlos Menem concedeu indultos en 1990; o Tribunal Supremo anulou eses indultos en 2007.

Comentarios