Opinión

Quedamos sen os rusos

Esta semana, coñecemos dúas interesantes noticias estreitamente ligadas á situación política de Catalunya. Por fin, e tras superar non poucas dificultades, ERC e Junts fecharon un acordo para formar goberno en Catalunya. Esa sería a primeira. A segunda tamén trata dun feche. Aos xuíces, fiscais, policías e xornalistas que difundiron a desatinada tese segundo a cal axentes dos servizos de intelixencia rusos intervirían no procés, a Audiencia Nacional pediulles que busquen outro divertimento.

Alégrome do primeiro feche, e o segundo dáme pena, debido a que é divertidísimo ler os argumentos daqueles que defenderon a tese da conspiración rusa. Acabóusenos ese choio. A ver se Netflix atopa a forma de substituír o pracer que nos arrebataron os xuíces. Sería marabilloso que houbese unha serie que nos mostrase as conspiracións dos axentes rusos para tentar dividir España e conseguir a independencia de Catalunya.

Poderíase facer unha serie sobre a formación de goberno en Catalunya; con todo, sería tan longa como aburrida. Partidos que se coñecen moi ben —demasiado ben— necesitaron tres meses para chegar a un acordo. É comprensíbel que estes procesos sexan longos cando as sensibilidades que deben unirse nunca fixeron nada xuntos, pero non o é no caso de forzas que, na última década, fixeron centenares de reunións por un ou outro motivo.

A cidadanía merece outra forma de facer política. Meréceo o conxunto da cidadanía, pero, especialmente, os miles e miles de independentistas que estiveron á espera do acordo entre esas dúas formacións, porque non perderon a esperanza de que volvan os tempos de unidade; estaban satisfeitos cos amplos acordos alcanzados até 2017, e o agre ambiente dos últimos anos desgustounos.

Os independentistas obtiveron 72, 70 e 74 escanos nas tres últimas eleccións nacionais. Alcanzados os 74 deputados, tiñan que aproveitar ese excelente resultado para chegar rapidamente a un acordo, demostrar eficacia, priorizar a seriedade e dar unha imaxe de fortaleza ante as e os cidadáns. Os partidos debíanllo á cidadanía.

Comentarios