Opinión

Putin no desfile pola Diagonal

Agora si que xa non hai lugar a dúbidas. Pasaron dous ou tres anos suxerindo que quen estaba detrás do proceso catalán, o ente que realmente o provocou e avivou, era a intelixencia rusa, e non os cidadáns de Catalunya, que estaban convencidos, pobriños eles, de que eran os maiores impulsores do que estaba a suceder.

A miúdo escoitamos dicir, Vicent, tanto a ti como a outros moitos, que o proceso catalán saíu adiante grazas ao impulso unificador da cidadanía, é dicir, que o proceso xamais sairía adiante se se deixase en mans dos partidos independentistas que ocupan as institucións. Pois ben, agora resulta que non, que segundo soubemos esta semana non ocorreu así.

Espero unha serie de Netflix que se titule 'A Armada Vermella no Empordán'

Decatámonos agora de que Rusia tiña un plan para enviar 10.000 soldados a Catalunya co fin de axudar a alcanzar a independencia. Que opinades do plan, María e Vicent? Non me negaredes que é unha estratexia brillante. Imaxino os dirixentes da Generalitat presidindo na Diagonal, xunto a Putin, un desfile militar formado por 10.000 soldados rusos e 25 foguetes de cabeza nuclear. Non tardarían en empezar a cambiar os nomes das rúas de Barcelona: Putin, Marx, Stalin, Lenin, Jrushchov, Andropov, Chernenko… E a Massia convertida en sede do Spartak de Moscova. Dirédesme que agora calquera podería dicilo, pero eu a Artur Mas sempre lle vin unha mirada de tsar poscomunista ruso, e non esa imaxe intachábel que pretende dar no seu libro Cap fred, cor calent. E que dicir de David Fernández? Vistes algunha vez a alguén en Catalunya que tivese maior parecido a un húsar ruso? Agora mesmo espero con impaciencia o anuncio dunha serie de Netflix que se titule A Armada Vermella no Empordán.

Ao produtor non lle custará moito atopar guionistas nos tribunais de Catalunya. Pero como non se nos ocorreu iso mesmo aos vascos, chamar o Kremlin en lugar de facer esa patochada de camiñar durante quilómetros agarrados da man, e solicitar a intervención non de 10.000 soldados, senón de 20.000, tendo en conta a nosa orografía. Que estiveron facendo estes anos todos eses acólitos de Gure Esku Dago? É que non aprendemos.

Comentarios