Opinión

Próxima parada, Perú

En Suramérica, ás candidaturas humildes e ás que están a favor da cidadanía cústalles moito gañar unhas eleccións. Recentemente sucedeu en Perú, coa xusta vitoria do sindicalista Pedro Castillo. Seguro que as candidaturas non profesionais como esta teñen moitos menos recursos –tanto materiais como inmateriais– que as candidaturas da clase política afeita a gobernar, xa que neses países existen grandes intereses económicos e políticos para que os mesmos de sempre sigan gobernando ou, dito doutra maneira, finxindo que gobernan e obedecendo a quen verdadeiramente teñen o poder.

No caso de Perú, ademais, existe unha particularidade, posto que a candidata da dereita foi Keiko Fujimori, filla do ex presidente corrupto Alberto Fujimori. Neste caso, a filla non poderá dicir que non ten nada que ver cos delitos do seu pai, pois sempre defendeu a inocencia deste.

E a cuestión non sería tan grave se defender o seu pai fose o peor que fixo. O caso é que en marzo soubemos que a fiscalía de Perú pedira 30 anos de cárcere para Keiko Fujimori por financiamento indebido do partido. Anteriormente estivo tres veces en prisión preventiva por tres causas distintas.

A única xogada que quedaba para esquivar a xustiza era gañar as eleccións e converterse en presidenta. Polo visto, non lle saíu ben. O cárcere espéralle por cuarta vez.

Ao novo presidente, Castillo, espéralle un camiño tan longo como escabroso, xa que gañar con tan pouca marxe de diferenza deixaralle poucas opcións para realizar os cambios que Perú tanto necesita, e quen vexa perigar a súa superioridade van tentar, desde o primeiro día, romper o apoio da cidadanía.

Castillo disponse a coller un tren que pasa poucas veces, e terá que acertar a xestionar a dicotomía de sempre: como facer cambios en profundidade sen perder o poder que necesitará conservar durante anos. As présas non adoitan ser boas en procesos de transformación como este, pero tan prexudicial como a présa é a esclerose política; é dicir, non facer nada para non perder o pouco que se ten.

Comentarios