Opinión

Primeiro o catalán e despois o éuscaro?

Hai 18 anos, cando a Audiencia Nacional española fechou o diario Euskaldunon Egunjaria, foi en Catalunya onde se xestou o maior movemento de apoio desde fóra de Euskal Herria. Actos multitudinarios foron organizados en varios lugares, na totalidade dos Países Catalás. 

Nin que dicir ten que o maior motivo de dita solidariedade foi o ánimo de denunciar aquel ataque ao éuscaro e a liberdade de prensa; porén, tal e como sucedeu en Euskal Herria, o obxectivo de moitas das persoas que acudiron a aquelas protestas, o seu segundo obxectivo, foi construír un muro infranqueábel contra os posíbeis ataques que puideran chegar contra o catalán, ademais de amosar o seu apoio ao éuscaro. Como se trataran de impedir un posíbel ataque contra a lingua catalá e a cultura e os medios en catalán. 

Agora, primeiro da man do Tribunal Superior de Catalunya e despois do Tribunal Supremo de España, chega a orde de reducir o uso do catalán nos centros escolares. A partir deste momento, os colexios deberán impartir obrigatoriamente o 25% das horas lectivas en castelán, porque os xuíces decidiron ter en conta a petición de 80 familias nun sistema que inclúe 1.500.000 alumnos e alumnas. 

Se o Tribunal Supremo  se atreveu a tomar tal decisión en Catalunya, que non terán pensado facer co galego e o éuscaro

Esta decisión tomba o consenso acadado en 1983 de que o idioma vehicular do sistema escolar de Catalunya sería o catalán, tanto dentro como fóra da aula. A día de hoxe, resulta imposíbel comprender a fortaleza social coa que conta o catalán sen ter presente esa metodoloxía de traballo denominada inmersión, aínda que tamén existen outros factores que contribuíron de maneira significativa: a actitude da cidadanía, os medios de comunicación en catalán... No entanto, o seu maior impulsor foi a escola, pois é o que chegou a todos e a todas. 

Se o Tribunal Supremo español atreveuse a tomar tal decisión nada menos que en Catalunya, onde 8 millóns de persoas coñecen o catalán, que non terán pensado facer co galego e o éuscaro, que son linguas bastante máis minorizadas que o catalán. 

Axudemos aos cataláns a deter esta ofensiva nos tribunais, xa que esa será a forma máis efectiva de que esas ondas cuxo epicentro se atopa en Madrid non cheguen até a nosa terra. 

Comentarios