Opinión

A Policía e os políticos

Opinión

A Policía e os políticos

Acaso cre as súas propias palabras un ministro do Interior cando di –hoxe aos xornalistas e mañá aos deputados– que os servizos secretos do estado traballan sempre baixo a lei e que todo o fan sempre co permiso do maxistrado encargado de controlar os seus labores especiais? Fai moito que lle deu este consello, que é ao mesmo tempo unha sentenza, un político ao seu amigo ministro: "Rodéate dos mellores, pero vixíaos coma se fosen os máis perigosos delincuentes". É dicir, que non convén confiar en ninguén nese tipo de altos cargos.

A frase adquire aínda máis forza cando se trata de policías e servizos secretos, xa que o propio responsábel é o primeiro ao que menten. Cantas veces teremos visto a responsábeis políticos da Policía xustificando as infraccións dos seus subordinados, negando o evidente e expresándoo sen ningún tipo de credibilidade? É parte do seu traballo xustificar o que nin eles mesmos cren.

"Así é como se traballa aquí". Polo visto, iso é o que dicían os policías españois aos políticos recentemente chegados ao cargo. "E se queres obter resultados, este é o camiño máis rápido e eficaz". Referíanse ás torturas.

O peor é que asimilamos e inoculáronos que ten que ser así e que sempre será así, sexan da tendencia que sexan os membros do goberno. Cando se debate sobre a posibilidade de buscar unha solución ao problema, sempre se incide na necesidade de formar á Policía no ámbito dos dereitos humanos. En vista do comportamento de certos políticos, paréceme que o principal investimento habería que destinalo máis ben á formación dos mandatarios políticos deses policías.

O segundo goberno tripartito de esquerda de Catalunya (formado por PSC, ERC e Iniciativa Verds) formouse en 2006, e nomeouse como conselleiro do Interior ao membro de Iniciativa e esquerdista Joan Saura. Ao pouco tempo, atopeimo na rúa e pregunteille por que tomaran a responsabilidade dunha tarefa tan complicada, e esta foi a súa resposta: "Temos que demostrar que a esquerda sabe xestionar a Policía doutra maneira".

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios