Opinión

Os pés de barro de Europa

En situacións como a xerada pola Covid-19 é cando se mide a credibilidade da palabra que se deu. Ás e aos cataláns, galegos e vascos díxosenos coa insistencia dun martelo profesional que non merece a pena querer crear novos Estados na actual situación política de Europa. Díxosenos que Europa está cada vez máis unificada, que a estrutura clásica dos Estados está a fundirse dentro da macroestrutura unificada. Os Estados cada vez máis débiles, e as políticas cada vez máis unificadoras. Dito de maneira elegante: que imos sempre en dirección contraria á historia. 

Chegou a pandemia da Covid-19, e, de súpeto, a todo o mundo se lle esqueceu canto se dixo até o de agora; cada cal esforzouse na procura dunha solución propia, sen importar nin un chisco o que lle ocorría ao veciño. Así, nun Estado, a máscara é obrigatoria acotío; noutro, o seu uso é voluntario, e, nun terceiro, unicamente no transporte público… Outro tanto ocorre á hora de conseguir probas PCR e de comprar respiradores. Cada cal mirou para o seu embigo, tanto en Europa como en case todo o mundo. O que ocorreu coas vacinas non ten nome. AstraZeneca é o último exemplo, que pon de manifesto claramente até que punto Europa ten os pés de barro socialmente. Tamén neste caso, cada Estado adoptou a súa propia decisión, e, así, déronlle as costas a unha posíbel decisión común. Se nesta situación tan grave, se na metade desta traxedia na que están a morrer e resultando prexudicadas miles e miles de persoas Europa non foi capaz de mostrar minimamente unha maneira de proceder unificada, cando o vai a ser?

Queremos conferir un novo status aos nosos países

Pode que resulte comprensíbel que non proceda así cando están en xogo os intereses económicos e as alianzas xeostratéxicas de cada cal, debido a que ao vello continente —que cada vez é máis vello— aínda lle falta moito para que actúe ao unísono e cunha mínima credibilidade. Que en diante non nos repitan que estamos a perder o tempo cando dicimos que queremos conferir un novo status aos nosos países. Estamos no noso dereito, do mesmo modo que no seu día eles tamén estiveron no seu dereito. Hai un único camiño: que non cedamos e que nos axuntemos cada vez máis cidadanía nesa reivindicación.

Comentarios