Opinión

Nunca é bo momento

Na Galiza estades a vivir uns días moi duros, María, debido ao afundimento do barco Vila de Pitanxo. Ademais, a desgraza aconteceu lonxe, na fría Terranova, tan coñecida polos vascos. Ao momento de escribir estas liñas, rescataron tres mariñeiros vivos, dez mortos e non sabemos nada dos outros doce. O acontecido esta semana será, probabelmente a peor traxedia ocorrida na Galiza en moito tempo.

Cando comemos o peixe que capturaron eses mariñeiros, non estaría de máis lembrar que gozamos do seu sabor grazas ao esforzo de traballadores que faenan en condicións moi duras. Convén recordalo.

Unha das mensaxes principais que deu o presidente catalán, Pere Aragonès, na conferencia da pasada segunda feira foi que, se o problema de Catalunya non for solucionado cedo, será máis fácil para a extrema dereita chegar ao Goberno do Estado español. O Executivo catalán leva semanas a solicitar unha reunión da mesa ao Goberno español, mais non recibe ningunha resposta.

Os analistas de Madrid pediron aos cataláns que esperasen, que non conviña reunirse no medio da campaña das eleccións en Castela e León. Unha vez celebradas esas eleccións, non debería haber problema para se sentaren na mesa. Agora dirán que non é boa idea reunirse mentres non se conforme o goberno desa comunidade, que a foto da mesa podería acelerar un acordo entre o PP e Vox, e que é mellor deixar que transcorra un tempo.

Nunca será un bo momento para facer algo nesa mesa, xa que antes do que cremos chegará a precampaña das eleccións estatais.
Cando non hai vontade, sempre inventan escusas.

A proposta de Aragonès abriu as portas a un debate que xorde de cando en cando. Hai no Estado algún partido político importante que estea disposto a pór en perigo o seu status por recoñecer o dereito a decidir dos nosos pobos? Ao longo da historia non o houbo, e non o vai haber no futuro. Mellor ollar cara Europa.

Comentarios