Opinión

Sen novidades no Aberri Eguna

Este domingo, Vicent e María, é o Aberri Eguna, o día da patria vasca, e seguimos coa mesma dinámica que dura xa bastantes anos, e que consiste en que cada cal o celebra por separado. Os partidos que non son abertzales non o celebran, e os abertzales seguen sen facer unha convocatoria unitaria. A plataforma Euskal Herria Batera leva dous anos traballando a favor dunha celebración unificada, en contacto cos axentes políticos, pero aínda non conseguiu que a convocatoria sexa unitaria.

Este sábado reúnen nun acto a favor dese obxectivo a axentes políticos e sociais, pero no mellor dos casos teremos que esperar até o 2024. Se o resto dos días do ano os partidos abertzales non colaboran no traballo político, e levan así anos, resultará moi difícil reunirse nesa celebración, a pesar de que moitos abertzales, estou seguro diso, o verían de bo grao. O que vimos na última Diada, Vicent, sen entrar en detalles e falando desde a distancia, non anima a organizar celebracións unitarias se non se conseguiron de antemán uns mínimos acordos, e se non hai certa harmonía entre os diferentes axentes. 

No Parlamento vasco o proxecto dun novo estatuto está en letargo, PNV e PSE non saben que facer cunha iniciativa que bate récords no que a atraso se refire

Os vascos estamos divididos en tres distritos administrativos, como moi ben saben os vosos lectores. En Araba, Bizkaia e Gipuzkoa o PNV e o PSE teñen un acordo estratéxico que esperan que dure moitos anos, e que lles garante unha maioría folgada en todas as institucións importantes. En case todos os casos, o acordo deixa fóra EH Bildu. No Parlamento vasco o proxecto dun novo estatuto está en letargo. O PNV e o PSE non saben que facer con esa iniciativa que está a bater todos os récords no que a atraso se refire.

En Nafarroa, todos miran as eleccións que terán lugar o 28 de maio, e parece que o próximos catro anos repetirase o esquema actual: un goberno presidido polo PSN, co apoio do resto dos partidos progresistas. As miradas están postas en Iruñea, pero xa teremos ocasión de falar sobre iso.

En Ipar Euskal Herria segue adiante, con todas as súas limitacións, a institución que desde 2017 traballa en todo ese territorio: Euskal Hirigune Elkargoa (Comunidade da Aglomeración do País Vasco). Todos os seus membros queren máis competencias, pero París non está de acordo.

Comentarios